Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En defensa do futuro das granxas

Consenso no sector leiteiro para sacar os tractores á rúa en xullo

Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores, Sindicato Labrego e Asociación de Cooperativas, acordan un calendario de mobilizacións.

Redacción - 19:00 25/06/2009

Haberá unidade sindical en favor da esixencia de iniciativas concretas a prol do futuro do sector leiteiro. E tal unidade haberá de explicitarse nun xesto de forza que, segundo puido saber Vieiros, os gandeiros prevén convocar para mediados de xullo. Os días 16, 17 e/ou 18 de xullo están entre as datas probábeis, malia que poderían mudar até daquela, para a que será unha masiva tractorada nacional que asolagará as vilas e cidades de Galiza durante un ou varios días.

A estratexia conxunta vana presentar polo miúdo este venres en Compostela o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García; o secretario xeral de Xóvenes Agricultores, Francisco Bello; a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, e o xerente da Asociación Galega de Cooperativas, Hixinio Mougán.

O primeiro ensaio foi xa hai unha semana, daquela coa convocatoria unilateral do Sindicato Labrego Galego, e saíndo ás rúas de vilas e cidades centos de tractores. No contorno urbano, Lugo e Santiago acolleron algunha das maiores concentracións gandeiras co obxectivo de facer presión diante das administracións para a viraxe das políticas agrarias e o deseño de estratexias de axuda que garantan a viabilidade das explotacións leiteiras.

Agora, a vontade de colaboración das formacións sindicais fronte á avaliación coincidente sobre a "gravidade" da situación, fai prever que as estradas do país ofrezan unha estampa clara da capacidade de presión do sector ao xeito do que por exemplo se vira nunha das últimas ocasións hai xa máis de dez anos, cando en 1998 milleiros de tractores colapsaban Galiza en defensa do sector agrogandeiro.


4,77/5 (22 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: