Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Este sábado na Coruña

A Real Academia decide sobre as Letras 2010

A institución decide a quen se lle adica o vindeiro 17 de maio. Velaquí algúns dos nomes que máis soan como probábeis homenaxeados.

Redacción - 09:00 27/06/2009

A candidatura de Ricardo Carvalho Calero é unha das que con máis forza chega este sábado á xuntanza na que os académicos deberán decidir cal será a figura das nosas letras que centre as homenaxes en 2010. As concellarías de Cultura da Coruña, Ferrol, Compostela, Pontevedra, Vigo e Ourense, uniron a súa sinatura a prol de Carvalho Calero nunha misiva enviada recentemente á Real Academia Galega.

Moitos apoios leva colleitado tamén a figura de Uxío Novoneyra de quen este ano se cumpre o décimo aniversario do seu pasamento. Desde hai dous anos, o colectivo Amigos de Uxío Novoneyra leva sumando apoios individuais e colectivos e o pasado mes de abril entregáballe ao presidente da Academia un conxunto de máis de mil sinaturas en apoio do poeta do Courel.

Unha terceira posibilidade, que gañou forza nos últimos tempos, é a de Antonio Fernández Morales, militar liberal criado en Cacabelos que en 1861 publicou Ensaios poéticos en dialecto berciano, un libro que contén máis de seis mil versos en galego, e que supón un dos piares do noso rexurdimento literario no século XIX. Dende a Asociación Xarmenta, expoñen que a concesión da homenaxe das Letras en 2010 a Fernández Morales serviría "para descubrirlle á Galiza lingüística e cultural unha parte descoñecida de si mesma, para valorar e recoñecer xustamente un enorme poeta (á altura das nosas tres coroas poéticas do Rexurdimento) e para reforzar a autoestima e a identidade dobremente negada dos bercianos que queremos seguir sentíndonos orgullosos da nosa lingua, a galega".

Mais finalmente, outro nome podería abrollar entre os que, en ocasións sucesivas, veñen aparecendo nas quinielas os últimos anos: Fiz Vergara Vilariño, Filgueira Valverde, Eusebio Lorenzo Baleirón, Florencio Delgado Gurriarán, Pucho Boedo, as Irmandades da Fala, Valentín Paz Andrade...


4.33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: