Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANIVERSARIO DA REVOLTA DE STONEWALL

40 anos de orgullo

Milleiros de persoas bótanse ás rúas de todo o mundo para reclamar igualdade de dereitos para lesbianas, gais, bisexuais e trans.

Redacción - 11:30 28/06/2009
En Galiza casáronse até finais do 2008 un total de 279 parellas homosexuais

En Galiza casáronse até finais do 2008 un total de 279 parellas homosexuais

40 anos de activismo homosexual, de reclamar na rúa unha igualdade de dereitos que, aínda hoxe, dista de ser unha realidade. Este domingo celébrase o Día do Orgullo LGBT (lesbiana, gai, bisexual e transsexual), unha data que recorda os disturbios ocorridos o 28 de xuño de 1969 no Stonewall Inn, un bar de ambiente de Nova York, que esa noite acollía unha conmemoración a Judy Garland, icono gai precisamente falecida unha semana antes.

Os feitos tiveron lugar cando a policía entrou no bar para facer unha redada e, malia que de comezo, a xente saíu pacíficamente, os enfrontamentos deron lugar a regueifas e a unha gran liorta que tivo como resultado varios mortos e máis de 300 feridos. Dende entón, todos os 28 de xuño celébrase o Día do Orgullo, en memoria das vítimas daquel día.

Actos en Galiza
Con todo, este domingo Galiza non se tinxirá das vivas cores da bandeira gai: os actos son moi contados e non acadaron a suficiente visibilidade. O máis destacado convocouse na noite do sábado na Coruña. O colectivo Maribolheras Precarias convocaron unha "marcha transmaribolhera", que saíu do Campo de Marte para rematar xa na noite nunha festa no Campo da Lenha. Baixo o lema de "Dá-lhe prazer ao corpo! A súa moral dá-nos igual", manifestáronse pola cidade ao berro de "A homofobia mata, a impunidade remata".

Mentres, en Santiago de Compostela, por exemplo, a manifestación prevista inicialmente foi suspendida por problemas organizativos.

Catro anos de vodas homosexuais
Dende que o pasado 30 de xuño de 2005 se aprobara no Estado Español a lei que ampliaba o matrimonio civil ás persoas do mesmo sexo, o número de enlaces homosexuais seguen aumentando porcentualmente. Das 38 parellas que decidiron dar este paso no primeiro ano que a lei entrou en vigor, pasamos a 90 que deron o si quero no pasado 2008. En total, hai 279 parellas galegas con membros do mesmo sexo que optaron polo matrimonio civil.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: