Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Nomes do pasado

Iugoslavia e a Unión Soviética sobreviven na internet

O dominio .yu, da antiga república de Tito, ten o 30 de setembro de 2009 como data de caducidade.

Redacción - 14:00 02/07/2009

A pesar de que a internet adoita estar á vangarda de practicamente todo, pola súa inmediatez, hai asuntos, como os dominios de primeiro nivel, onde vai moi por detrás da realidade social. Así, os cambios que se produciron na década dos 90 en Europa do Leste aínda non se reflectiron completamente na rede.

Até o 30 de setembro seguirá a existir o dominio .yu, referido á antiga Iugoslavia. Nesa data, todos os enderezos rematados en .yu deixarán de existir, independentemente de que o seu período de rexistro seguise vixente. O dominio iugoslavo foi herdado por Serbia, que a partir desa data xa só admitirá os enderezos .rs.

Pero non é o único caso de anacronismo dixital. Por exemplo, a Unión Soviética segue existindo, e con boa saúde. O dominio .su, asignado en 1990, conta con máis de 80 mil nomes rexistrados e tivo un renacemento nos últimos anos grazas a diversos grupos nostálxicos. Aínda que a ICANN amosou en varias ocasións a súa intención de facer desaparecer este dominio, non ten fixada ningunha data de extinción.

Si desapareceron, no entanto, os dominios .cs, de Checoslovaquia, en 1995; .zr, do Zaire, actual República Democrática do Congo, en 2001, e o .dd, reservado para a República Democrática Alemá, que nunca chegou a funcionar.

Houbo máis axilidade á hora de crear novos dominios para estados que se independizaron. Agora tamén hai que agardar a que a ICANN abra a posibilidade de engadir dominios como o .gal, que leva anos reivindicando a cidadanía representada pola asociación PuntoGal.


3.5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: