Segundo ás cláusulas estabelecidas dentro do contrato de compra-venda do Banco de Venezuela-Grupo Santander, que asinaron o pasado 22 de maio o Goberno venezuelano e o Grupo Santander do Estado español, hoxe sexta feira, 3 de xullo, o Estado venezuelano pagará 630 millóns de dólares, pagamento que concretará o traspaso oficial do Banco a mans do Estado venezuelano.
Despois deste pagamento, emitiranse dúas obrigas de pagamento, por 210 millóns de dólares cada unha, con data de vencemento para o 3 de outubro de 2009 e 30 de decembro deste mesmo ano, a fin de concretar a cancelación total do custe da entidade financeira.
Así, o Estado venezuelano será o proprietario do 96% das accións do Banco de Venezuela, que desde 1996 estaban en mans do Grupo Santander, despois da maior crise financieira do mundo co peche e quebra de máis dunha decena de bancos privados durante o segundo goberno de democrata cristián Rafael Caldera, e sendo viceministro de Economía Teodoro Petkoff.
Cómpre destacar que o pasado 22 de maio, o presidente do Banco de Venezuela-Grupo Santander, Michel J. Goguikian representante do Grupo Santander, manifestou a satisfacción polo acordo acadado co Estado venezuelano, nunhas negociacións marcadas polo bo entendemento e a boa disposición por ámbalas dúas partes.
"Temos que recoñecer ante vostedes que o grupo Santander está extremadamente satisfeito sobre o acordo acadado coa República Bolivariana de Venezuela", declarou Michel J. Goguikian.
Compra do Banco de Venezuela aforla a presenza do Estado na economía
O vicepresidente da República, Ramón Carrizález, sinalou que a adquisición por parte do Estado venezuelano do Banco Venezuela-Grupo Santander afortalará o sistema financeiro público e posibilitará ao Estado venezuelano acrescentar a capacidade crediticia.
Destacou que a adquisición do banco por parte do Estado venezuelano non afectará os intereses dos traballadores e clientes da entidade financeira venezuelana.
Aclarou que a transferencia do Banco de Venezuela, do Grupo Santander a mans do Estado venezuelano, non traerá problema algún no normal funcionamento da entidade bancaria.
Remarcou que o Grupo Santander vendeu a totalidade da súa participación no banco, e só Bancrecer se manterá funcionando baixo a súa dependencia.
Goberno respectará acordos e dereitos dos traballadores
O vicepresidente enfatizou que o Goberno revolucionario será respectuoso co contrato asinado, as especificacións acordadas e o estado das contas privadas.
Tamén indicou que os 6.000 traballadores da banco pasarán a ser traballadores públicos, do mesmo xeito que as 286 axencias distribuídas en Venezuela.