Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A valoración dos sindicatos

Conflito do Metal: un tirapuxa no que está en xogo algo máis que un incremento salarial

Vieiros falou cos responsábeis da CIG, CCOO e UXT, que esta semana racharon a unidade sindical mais que manteñen unha postura común en canto a sinalar aos culpábeis do estancamento deste conflito laboral.

A. Rodríguez - 17:10 03/07/2009

Esta sexta feira, facéndose 24 días de folga no sector metalúrxico da provincia de Pontevedra, motivada polas diverxencias entre traballadores e patronal en canto á revisión do convenio colectivo, os sindicatos volvían romper a súa unidade.

A CIG decidía continuar coas manifestación, e diversificaba a estratexia mobilizando os piquetes cara Marín e Pontevedra, de onde lles chegaban avisos de que en varias empresas os operarios continuaban a traballar. A UXT desmarcábase das protestas, e desconvocaba, de momento, os seus afiliados, demandando a paralización da folga unha semana ou semana e media, para darlles tempo aos mediadores das Administracións a reformular a súa oferta de incremento salarial e de regulación da xornada -os puntos do convenio nos que as partes están máis afastadas. Mentres, CCOO apelaba á unidade sindical, mais sen decidir aínda que facer: se seguir co paro ou adialo temporalmente.

Fanse 24 días de folga, os operarios están desgastados e cansos -comezaron a recibir as nóminas deste mes, e a media é de entre 350 e 450 euros-, os sindicatos demandan unha mediación máis activa da Xunta, de xeitos ben diferentes, e a patronal segue inamovíbel na súa postura. Son máis de 20 días, pero o conflito cumpre case tres meses e, a pesar de estaren a discutir, representantes dos traballadores e patronal, un convenio propio dunha provincia, a ninguén lle é alleo que esta loita, nas rúas e nos despachos, transcende do ámbito provincial ou local. Para ámbalas dúas partes, neste tirapuxa xóganse máis cousas que unhas porcentaxes de suba salarial relacionadas co IPC anual: para sindicatos e empresarios, perder esta negociación sería como dar un paso atrás noutras frontes que tamén están abertas.

Para avaliar esta situación dende o lado dos sindicatos, Vieiros púxose en contacto cos representantes das centrais que están a negociar o novo convenio: a UXT, CCOO e a CIG.

"A patronal está aproveitándose da crise para recortar as demandas dos traballadores"
Diego Atanes, presidente da Comisión Xestora da Federación do Metal, Construción e Afíns da UXT en Vigo, contoulle a Vieiros que o seu sindicato rompeu a unidade o pasado mércores, porque así o decidiron as súas bases. As "cúpulas das centrais decidiron en asemblea, propoñer a paralización temporal da folga, non desconvocala" por dous motivos: "darlles aos traballadores tempo para coller osíxeno e que poidan resistir" e "buscar o momento para desenvolver unha xuntanza cos mediadores, mentres estes reformulan a súa proposta". Na asemblea do xoves, o 75% dos afiliados da UXT apoiaron esta proposta, mais non o fixeron así os da CIG e CCOO. Por iso a UXT "paralizou temporalmente as mobilizacións, pero isto non implica que esteamos fóra do conflito ou da negociación", dixo Atanes, recalcando que o seu sindicato "así coma os outros", ten a "intención de volver confluír nunha unidade de acción", porque "é a vontade de todos".

Alén disto, Atanes tamén valorou a importancia desta loita a nivel sindical, e de que transcenda do traballo provincial. "Non esquezamos que o metal, e tamén o naval son sectores tremendamente importantes para a economía de Galiza e do Estado. Os traballadores están a dar unha mostra da necesidade que temos dun novo convenio e de que a única saída para este conflito é a negociación". "Non temos unha vara máxica para mudar a postura da patronal, mais temos que manternos firmes e unidos, para conseguir os nosos obxectivos", subliñou o responsábel de UXT.

"A patronal está fustrigando os traballadores e tentando desprestixiar os sindicatos"
A seguir, Atanes tamén recalcou que, detrás da postura inamovíbel da patronal, "está o seguimento dunhas directrices dadas a nivel estatal para bloquear os procesos de negociación", revelou Atanes, referíndose á posibilidade, xa sinalada polos responsábeis da CIG, de que o CEOE estea detrás da "intransixencia" dos empresarios galegos. "Tamén é certo que a patronal está aproveitando o contexto de crise para bloquear a consecución das melloras que demandan os traballadores", dixo Atanes, ao tempo que lembraba que, na actualidade este discurso, xa moi empregado, "non serve", xa que existen "mecanismos para que as empresas saian adiante", e "nós non podemos deixar de reivindicar as mudanzas necesarias nun convenio porque algunha empresa estea pasando apuros, cando son máis de dúas mil as que traballan neste sector, e perto de 20 mil os traballadores".

Polo seu lado, o responsábel de Acción Sindical de CCOO, Daniel Costas, dixo que a situación do conflito do metal na provincia de Pontevedra ten a tamén "coa postura que a patronal está a manter en Galiza e tamén a nivel estatal". "Están aproveitando a situación para facerlles pagar a crise aos traballadores, cando de todos é ben sabido que non son os responsábeis". "A negociación deste convenio coincidiu nesta encrucillada, e a postura que adoptou a patronal está a ser tremendamente ofensiva", recalcou Costas: "ao mesmo tempo, por un lado están fustrigando os traballadores, nun momento no que a situación económica é moi delicada; e polo outro están tentando desprestixiar os sindicatos e as organizacións sociais que están a procurar, a carón dos operarios, unha saída deste conflito".

"Isto estase convertendo nun pulso que, por un lado, os traballadores lle deben gañar á patronal; e polo outro á imposición da idea de que a única saída á crise é o recorte dos dereitos laborais", sinalou o responsábel de CCOO, mentres lembraba que a crise económica "é un problema que nos afecta a todos, non só aos empresarios, e a mellor maneira de solucionalo é dialogando, non culpabilizando os traballadores". "A patronal debe facer unha reflexión, mais tamén a Xunta, que non está demostrando ter moita vontade de diálogo", dixo Costas, mentres recalcaba que os traballadores deben permanecer fortes neste conflito, "porque marca un antes e un despois na negociación colectiva, e hai que ter en conta que pelexar polo incremento dos seus salarios e conseguir o seu obxectivo pode vir favorecer a economía, a facer que se vaia desenvolvendo, aínda que sexa aos poucos, xa que se crea unha maior dispoñibilidade económica". Alén disto, Costas fixo un chamamento á unidade sindical, mais "deixando de lado as posíbeis intencións de liderar unha resposta individual a este conflito".

"Aquí non se está a discutir un incremento salarial, senón un modelo sindical"
A última hora, Vieiros falou con Miguel Anxo Malvido, responsábel da CIG-Metal, que viña de participar na mobilización convocada polo sindicato este venres, na que se organizou un piquete que percorreu as empresas de Marín e Pontevedra nas que había xente a traballar, sen participar nas manifestacións e asembleas. A Central Sindical decidía de tarde que estratexia seguir na vindeira semana, mais Malvido adiantaba que seguramente o sindicato vaia seguir coas mobilizacións, apelando a unidade sindical: "romper a unidade sindical é o peor que pode pasar cando levas 20 días de conflito, e isto foi o que fixeron, unilateralmente, dende UXT; en CCOO aínda non saben que van facer, e van mudando de postura, mais hoxe -polo venres- xa non asistiron ás mobilizacións convocadas", sinalou, recalcando que a importancia que ten que as centrais sindicais permanezan xuntas neste conflito, apoiando os traballadores "que levan semanas organizando piquetes, indo ás asembleas, ás manifestacións... cando moitos deles xa viron como lles foi repercutindo esta resistencia a nivel salarial, pero son conscientes de que o que fagan agora determinará como van ser as relacións laborais a partir de agora".

Por outra parte, Malvido tamén valorou a importancia desta loita a nivel sindical, alén dos límites provinciais. "O convenio do Metal de provincia de Pontevedra é moi importante, non só porque afecte a dúas mil empresas nas que traballan máis de 20 mil persoas, senón porque é un sector no que a loita sindical ten unha fonda tradición, e desenvólvese sempre un proceso de negociación colectiva no que participan activamente os traballadores, coas asembleas e outros medios, cousa que non acontece noutras partes do Estado", dixo Malvido, ao tempo que revelaba que neste conflito "non se está a discutir un mero incremento salarial ou unha regulación da xornada, senón un modelo sindical, unha maneira de facer as cousas que as empresas queren combater. Cando a patronal se reuniu no Ifevi --, había moitos outros empresarios, alén dos relacionados co sector... estaban responsábeis da automoción, a nivel provincial, do Porto de Vigo, do sector inmobiliario... nunha especie de conxura creada para esmagar un modelo sindical e de participación dos traballadores que non gusta, que non queren que poida ser imitado ou seguido polas negociacións doutros convenios colectivos". Nesta liña, o responsábel da CIG recalcou: "é por isto polo que os empresarios aínda non asinaron o convenio, porque non ten sentido que non estea aprobado, cando se perderon máis cartos -millóns de euros-, nestas semanas de folga que os que lles habían dar aos traballadores -que, ademais, son quen xera esa riqueza-, no caso de acceder ás súas reivindicacións", dixo Malvido.

O responsábel da CIG-Metal tamén valorou a posición tomada polo Goberno neste conflito, ao sinalar que "se nun comezo denunciamos a súa pasividade, porque en semanas só conseguimos unha xuntanza, por separado, coa conselleira, e a aparición da delegada en Vigo, agora deron un paso máis, poñéndose do lado dos empresarios, facendo declaracións contrarias aos sindicatos -laiándose de que non é o momento de montar piquetes ou facer folga, dicindo que a economía do país se resente- e aparecen nos medios de comunicación coma se non pasase nada, cando tiñan que ser o Goberno de todos, equidistante e non basculado: só lles falta dicir que o convenio queda sen asinar, e poñer os obreiros a traballar", concluíu.


4.71/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: