Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
A vindeira semana

Comezarán os II Jogos da Lusofonia, mais sen Galiza

Hai un ano entreabriuse a porta para que o noso país participase nestas olimpíadas lusófonas. Porén, de momento as seleccións galegas fican fóra.

Redacción - 11:45 08/07/2009

En maio de 2008 Vieiros informaba de que Galiza tiña "abondas posibilidades", en palabras da, naquela altura, directora xeral para o Deporte, Marta Souto, de participar nos II Jogos da Lusofonia, en Lisboa. Porén, daquela a Consellaría de Cultura (da que dependía a Dirección Xeral para o Deporte) estaba pendente dunha autorización do Comité Olímpico Español (COE) para participar nestes xogos. As negociacións estaban avanzadas, mais tamén ficaba saber de que xeito habían competir as seleccións galegas, e había dúas posibilidades: que fósemos como país convidado en tres ou catro disciplinas deportivas, ou ser coma un país máis dos que participan nestes Jogos.

Os Jogos da Lusofonia: "A união mais forte que a vitória"
Nestes campionatos compiten as seleccións dos países lusófonos (Angola, Brasil, Cabo Verde, Guiné-Bissau, Guiné Ecuatorial, a India, Macau, Mozambique, Portugal, San Tomé e Príncipe, Sri Lanka e Timor Leste), en 10 modalidades deportivas: atletismo, baloncesto, fútbol, fútbol sala, judo, taekwondo, tenis de mesa, voleibol, volei praia e deporte adaptado para discapacitados. Comezan a vindeira segunda feira, 11 de xullo, na capital portuguesa, e prolongaranse até o día 19 de xullo.

Os primeiros Jogos da Lusofonia realizáronse en Macau, en setembro de 2006, baixo a idea de unir, no deporte, un "continente inmaterial", o da lingua portuguesa, "disperso por todo o mundo". Este ano desenvólvese a súa segunda edición, que terá como sedes os concellos de Almada, Cascais, Lisboa, Oeiras e Sintra. Estarán presentes máis de 1.300 atletas e oficiais de 12 países en competición en 10 modalidades distintas.

Porén, este ano a organización --, non só pretende que se desenvolvan as competicións nas canchas ou terreos de xogo, senón que tamén se teñen organizado diversas actividades para que os países participantes teñan a oportunidade de debater estratexias de aceso ao deporte, envolvendo, sobre todo, ás crianzas e á mocidade, xa que, segundo din os organizadores, "é esencial pola repercusión que o deporte ten na saúde, na educación, no benestar da cidadanía e, consecuentemente, nas políticas de desenvolvemento de cada país participante".


4.73/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O vídeo promocional dos II Jogos da Lusofonia

Imaxes das competicións de volei praia e de atletismo dos I Jogos da Lusofonia, desenvolvidos en Macao en 2006
Imaxes das competicións de volei praia e de atletismo dos I Jogos da Lusofonia, desenvolvidos en Macao en 2006