Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Esta semana, após 23 días de folga discontinua

A negociación do Metal dá un xiro, ao aceptaren CCOO e UXT as demandas da CIG

As dúas centrais sindicais deron o seu visto e prace a incluír a contratación do naval na negociación do convenio, tal e como pedía o sindicato nacionalista.

Redacción - 09:00 09/07/2009
Unha imaxe da marcha dos operarios do Metal cara Compostela / Xela Rodríguez

Unha imaxe da marcha dos operarios do Metal cara Compostela / Xela Rodríguez

Os sindicatos CCOO e UXT aceptaron este mércores incluír a regulación da contratación do naval, tal e como pedía a CIG, na proposta para a negociación do convenio colectivo do metal que porán sobre a mesa na vindeira xuntanza cos empresarios e os mediadores da Administración.

Após reunirse durante algo máis de dúas horas, os representantes das tres centrais sindicais consensuaron unha nova proposta para expor á patronal, á espera de que se renoven, nas próximas horas, as negociacións do convenio. Dita proposta vira sobre catro eixos: a vixencia do convenio, o incremento salarial, a regulación da xornada e a regulación da contratación no sector naval.

O voceiro de CCOO, Ramón Sarmiento, explicou que "hai pleno acordo en manter unha postura unitaria" sobre estes puntos, cuxos detalles aínda están pendentes de debullar. En todo caso, recoñeceu que a proposta que se expón agora é diferente da plataforma de reivindicacións exposta hai meses, cando se iniciou a negociación e antes de que esta desembocase nun conflito cunha folga indefinida de case un mes. Sarmiento, quen explicou que se presentará esa nova proposta a empresarios e mediadores no vindeiro encontro que manteñan as partes, tamén apuntou que "se os pasos dados non dan resultado, os sindicatos acordaron reactivar o conflito de forma unitaria".

"Volveremos ás mobilizacións se non se inicia un proceso negociador serio"
Do mesmo xeito se pronunciou o responsábel de Negociación Colectiva da CIG, Antolín Alcántara, quen advertiu da volta ás mobilizacións "se non se inicia un proceso negociador serio", coa presenza de mediadores, nos vindeiros días. Así mesmo, concretou que, aínda que a proposta é nova, o incremento salarial "tense que aproximar necesariamente" ao que os sindicatos xa propuñan -un 4,5%-. O representante do sindicato nacionalista valorou positivamente a mudanza que supuxo, na postura da parte sindical, a introdución da contratación no naval como un elemento máis na negociación do convenio. Así, lembrou que a finalidade deste cambio é conseguir que os traballadores deste sector "teñan unha garantía de continuidade" nos seus postos ou noutros similares nesta industria.


4.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: