Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reforma do financiamento autonómico

Máis de 11 mil millóns adicionais, asegura Salgado

Inclúe a cesión do 50% do IVE e do IRPF e o 58% dos Impostos Especiais.

Redacción / EP - 09:00 13/07/2009

A vicepresidenta segunda e ministra de Economía e Facenda, Elena Salgado, adiantou este domingo que o novo modelo de financiamento autonómico achegará recursos adicionais "lixeiramente superiores" aos 11 mil millóns de euros en 2012, cando se aplique na súa totalidade, aínda que a súa aplicación será levada a cabo de xeito gradual dende este mesmo exercicio, subliñando que o novo sistema permitirá o achegamento de todas as Comunidades Autónomas (CCAA) á media de financiamento per cápita.

Salgado, que compareceu na sede do Ministerio de Economía co secretario de Estado de Facenda, Carlos Ocaña, e o secretario xeral de Financiamento Territorial, Juan Manuel López Carbajo, para presentar a proposta, indicou que a reforma entrará en vigor dende o 1 de xaneiro de 2009 e que se irá poñendo en marcha de forma gradual até o ano 2012, cando achegaría esta cantidade adicional sobre o sistema actual.

A este respecto, a responsábel da carteira económica do goberno español informou de que remitiría este mesmo domingo ás comunidades autónomas o novo modelo de financiamento, así como a convocatoria do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) para o próximo día 15 de xullo, que deberá aprobar o devandito modelo, tras o que o texto deberá ser votado no Congreso dos Deputados para converterse en lei orgánica e ser discutido polas comisións de transferencias das distintas CCAA.

Salgado explicou que o "obxectivo e a razón" para modificar o sistema actual é que non actualizaba correctamente a poboación, a pesar de que creceu entre 1999 e 2009 en máis de 6 millóns de habitantes, e tampouco garantía o financiamento dos servizos públicos como a sanidade e a educación.

Así mesmo, a responsábel de Economía afirmou que as características do actual sistema eran "pouco transparentes", posto que as CCAA. só comezaron a coñecer o que lles achegaba a partir de 2004. Co novo modelo, a ministra sinalou que se reforzará o estado do benestar, xa que garantirá a todos os cidadáns que a prestación dos servizos públicos vai contar "cun financiamento per cápita igual en todas a comunidades", que se modulará de acordo con parámetros como a dispersión, o envellecemento, a insularidade, a superficie ou a poboación en idade escolar. Así mesmo, destacou a inclusión dos criterios de densidade e bilingüismo á hora de ponderar a asignación de recursos.

O modelo, que se actualizará anualmente para reflectir os cambios da poboación e a súa distribución, incorpora maior corresponsabilidade fiscal ao ceder o 50% do IVE e do IRPF e o 58% dos Impostos Especiais.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: