Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En colaboración con Caixanova

IBM abre o seu centro de innovación en Ourense coa intención de xerar até 400 empregos

O presidente da entidade financeira e o delegado estatal do xigante informático subliñan que será unha empresa líder no sector.

Redacción - 09:00 15/07/2009

O presidente de IBM España, Juan Antonio Zufiría, afirmou que o Centro de Innovación Tecnolóxica (CENIT) que abrirá IBM na cidade de Ourense será un "motor de innovación ao servizo dos retos e o espírito de progreso de Caixanova como do conxunto da sociedade e a economía galega".

Zufiría indicou que "se na sociedade industrial o acto paradigmático do desenvolvemento podía representarse a través da colocación da primeira pedra, no século XXI o futuro pasa por actos como este onde facemos repousar o piar do progreso na innovación, o talento e o coñecemento". "En realidade o que estamos a construír aquí é unha semente de futuro" destacou o delegado estatal da IBM. Para Juan Antonio Zufiría, ante a crise económica actual "basearse na innovación é o mellor camiño para afrontar a tormenta que estamos a vivir agora senón poder mesmo saír reforzados dela". Nese sentido, sinalou que se creará unha "poderosa semente de progreso" e animou a Galiza a unirse na "viaxe pola innovación, produtividade, e a competitividade que iniciamos hoxe".

Centro de referencia
Por outro lado, o presidente de Caixanova, Xulio Fernández Gayoso cualificou o acordo de "histórico" e garantiu que dende Ourense se "xestionarán un conxunto de aplicacións informáticas con capacidade local, rexional e mundial" polo que se converterá nun "centro de referencia internacional nesta materia".

Gayoso sinalou que Galiza "produciu excelentes técnicos nesta especialidade que marcharon porque non atopaban unha resposta á súa demanda de emprego" polo que esta iniciativa "vai tratar de recuperar a estes talentos". Así mesmo, resaltou que se establecerán uns "pactos" coa Universidade para crear un "mundo novo" no Campus de Ourense. "É unha aposta para producir unha pequena revolución con familias con importantes rendas que permitirá dinamizar o desenvolvemento económico da cidade que producirá un efecto chamada que atraerá outras iniciativas" resaltou o presidente de Caixanova.



Fernández Gayoso sinalou que se creará a "maior empresa de Galiza no seu xénero" porque "ningunha se lle achega a esta aposta de 400 empregos". O CENIT desenvolverá diferentes proxectos tecnolóxicos para empresas españolas e estranxeiras co propósito de mellorar a súa produtividade a través do deseño, desenvolvemento e mantemento de aplicacións en diversas plataformas tecnolóxicas.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: