Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Negociación de industria e gandeiros

"Principio de acordo" sobre o prezo do leite

O pacto avanzado en Madrid, recibido con cautelosa satisfacción polos sindicatos, garantiría aos produtores un mínimo de 31 céntimos por litro de leite, sete máis do que viñan cobrando de media.

Redacción / EP - 09:15 16/07/2009

Representantes da industria láctea e do sector gandeiro alcanzaron este mércores un principio de acordo que contempla o estabrlecemento dun método aceptado por ambas as dúas partes para fixar os prezos do leite en orixe, con vixencia até o final deste ano. O principio de acordo, que será ratificado o próximo luns, indica que os prezos que figurarán no contrato de subministración se estabelecerán mediante un sistema de "indexación" que terá en conta a media anual dos prezos aplicados noutros países europeos subministradores de leite a España, e en particular, Francia.

Pola súa parte, o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño intensificará os controis de calidade do leite e a loita contra a fraude. Ademais, acelerará a entrada en vigor do Real Decreto que estabelece un sistema de trazabilidade do leite. Até a entrada en vigor desta normativa, o sector da distribución comprométese a sinalar de forma destacada nos estabelecementos o leite e os produtos lácteos de orixe estatal. Á reunión na que se alcanzou o principio de acordo asistiron o secretario de Estado de Medio Rural e Auga, Josep Puxeu, representantes da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil), de cooperativas agrarias, das organizacións Asaja, COAG e UPA, e das patronais de distribución Anged, Asedas e ACES.

"Razoábel" se chega a cumprirse, avalía Unións Agrarias
O secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA.), Roberto García, considerou "razoábel" o acordo de prezos alcanzado en Madrid, aínda que destacou que, primeiro, ten que ser ratificado por produtores, industrias e distribución comercial nunha reunión o próximo luns e, ademais, "que o goberno español o faga cumprir" ás partes. En declaracións a Europa Press tras saír da reunión mantida en Madrid, o líder de Unións Agrarias chamou á prudencia e avanzou que os responsábeis comarcais da súa organización analizarán e estudarán o principio de acordo no que faltan, como indicou, "moitos flocos por concretar".

Porén, confirmou que produtores, industrias e distribución comercial consensuaron un prezo mínimo de 31 céntimos por litro de leite para asegurar que "non haxa ningún gandeiro español que cobre menos que un francés". "Somos un país deficitario", engadiu, en referencia a que a escaseza de materia prima debería encarecer e non abaratar o prezo do leite. Esta contía é unha asignación mínima de referencia, sinalou, ao recordar que é unha base, e que a ela sumaranse as primas de calidades e de volume de entregas, que permitirá mellorar a situación das entre 8 e 9 mil granxas galegas que cobran hoxe menos desa cantidade. "Asegurámonos que non se pague o leite por debaixo dese prezo", insistiu para explicar que se tomou como base o prezo mínimo francés máis un diferencial.

Nesta liña, afirmou que, unha vez a distribución comercial comece a cumprir os seus compromisos, deixando de empregar o leite como "produto reclamo" e identificar o leite de orixe estatal, e o consumidor avalando industrias leiteiras estatais, "haberá que mellorar esa cantidade". O acordo, advertiu García, "non exclúe" que Unións Agrarias vaia deixar de esixir un "complemento de prezos vía subvención", indicou en referencia ás axudas directas aos gandeiros, así como que o goberno españoñ "faga cumprir" estas condicións a industria e distribución.

"É un acordo histórico", considera Xóvenes Agricultores
O secretario xeral de Xóvenes Agricultores (XXAA), Francisco Bello, cualificou de "histórico" o acordo alcanzado entre produtores, industrias lácteas e distribución comercial ao destacar que garantirá aos gandeiros un prezo mínimo de 31 céntimos por litro de leite, é dicir, sete céntimos máis do que viñan cobrando de media. "Os 31 céntimos son un mínimo de referencia e pode haber gandeiros que negocien un prezo maior", explicou, tras apuntar que a esa base se engadirán as primas que as industrias conceden a cada produtor en función do volume de materia prima que entregan, así como da súa calidade.

Este prezo estará garantido, como afirmou, durante todo este ano e, ao seu xuízo, permitirá ás explotacións que o cobren "ir recuperándose" da actual crise. Así, explicou que toma como referencia o prezo mínimo pagado en Francia, en torno aos 28 céntimos por litro, e se lle engaden outros 3 céntimos en concepto de portes. Bello dixo esperar que se cumpra o compromiso do goberno español de garantir este pacto e "perseguir" ás industrias leiteiras que non o apliquen, entre as que citou a Leite Río e Reny Picot (Industrias Lácteas Asturianas) --que non selaron o pacto-- e ás que, dixo, aplicaráselles, por iso, un "control específico e especial".

Os produtores lácteos deberán subscribir un contrato homologado coa empresa á que entregan o seu leite para beneficiarse da medida. "Todo isto ten que poñerse sobre o papel", insistiu para indicar que as industrias empregarán o modelo de contrato aprobado en maio de 2007. Malia todo, o responsable de Xóvenes Agricultores admitiu que "non é un grande acordo de prezos" e incidiu na necesidade de "estar atentos" a que se cumpra. "Todo isto tiña que facerse antes e, así, non habería ninguén no hospital", laiouse.

"Non hai acordo se o prezo non é xusto", advirte o Sindicato Labrego
Máis belixerante diante do pacto esbozado aparecía este mércores o Sindicato Labrego Galego (SLG), advertindo que un acordo de prezo válido será o que achegue "un prezo xusto". "Non hai acordo sen prezo xusto", advirten, recordando que "haberá de cubrir os custes de produción e remunerar o noso traballo". Para o SLG calquera acordo de prezo ten que ser consultado ás gandeiras e gandeiros, "sendo somentes a súa aprobación a que, para o Sindicato Labrego Galego, terá validez".

Insisten ademais en que o estabelecemento dun prezo mínimo haberá de estar enmarcado nunha modificación normativa das actuais políticas agrarias europeas, "tal e como se acordou por resolución unánime de todos os grupos parlamentarios no Congreso o pasado 29 de abril", instando o goberno español a defender esa resolución. "A política leiteira europea tamén ten que ser modificada en aras do mantemento do control e redución da produción, redistribuíndo a cota nas explotacións europeas baixo criterios sociais", engaden.


2.83/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: