Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Óbito na comunicación

Os EUA quedan sen o seu "home máis críbel"

O xornalista televisivo Walter Cronkite, que retransmitira a chegada á lúa, a morte de Kennedy ou a guerra do Vietnam, faleceu aos 92 anos en Nova York.

Redacción / EP - 11:40 18/07/2009

O que fora considerado o "home máis críbel dos EUA", o xornalista Walter Cronkite, morreu este venres en Nova York aos 92 anos. Inventor da frase "Así son as cousas" e considerado pai da información televisiva, fíxose famoso como presentador do telexornal da tarde na rede CBS até 1981.

Entre os acontecementos que retransmitiu estiveron a chegada á lúa -da que o luns se cumprirán 40 anos-, a guerra do Vietnam, o caso Watergate ou o asasinato de John F. Kennedy. Durante a década dos 60, 70 e o comezo dos 80, a súa audiencia foi tan alta e a súa imaxe tan verosímil, que unha enquisa valorouno como "o home máis críbel de América", frase pola que se lle lembraría desde entón.

Cronkite naceu en Missouri en 1916, fillo único dun dentista e unha ama de casa. Cando aínda era novo, a súa familia mudouse a Texas e un día, lendo un artigo sobre unha revista de aventuras, quedou fascinado pola figura do xornalista correspondente. Desde ese momento comezou a traballar para o xornal do colexio até que en 1933 ingresou na Universidade de Texas, en Austin, para estudar ciencias políticas, economía e xornalismo, aínda que nunca chegou a graduarse.

Comezou a súa andaina profesional como reporteiro para o xornal Houston Post e despois traballou para a United Press International, onde desempeñou como correspondente cubrindo a Segunda Guerra Mundial. Foi nesa época cando recibiu unha proposta de traballo da CBS, e aínda que en principio a rexeitou, finalmente acabou aceptando unha segunda oferta en 1950.


4.5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: