Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Día da Patria

Os socialistas subliñan a prioridade do debate estatutario

O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, fai a súa estrea no tradicional acto dos socialistas en Rianxo, uns días despois de recuperar para o primeiro plano o debate sobre a reforma do Estatuto.

Redacción - 09:30 25/07/2009

Os socialistas convocan desde hai anos a militancia e simpatizantes a un acto en Rianxo, onde realizan unha ofrenda floral diante do monumento adicado a Castelao. Segundo avanzaron os últimos días desde o PSdeG-PSOE, o partido ten a intención este ano de aproveitar para sacar músculo e reactivar os militantes, e anuncian un acto "cualitativa e cuantitativamente maior" que os dos últimos anos.

O eixo central do acto e o propio discurso do secretario xeral está previsto que sexa a proposta de reforma do Estatuto. O propio Manuel Vázquez recuperou para a actualidade nos últimos días este asunto, chamando as formacións políticas a reanudaren o traballo o próximo mes de setembro.

Na véspera deste mesmo 25 de xullo, os socialistas constituíron internamente un grupo de traballo ao que lle encargaron a definición concreta da proposta do partido para esta reforma. O equipo achegará as primeiras propostas mesmo antes de que en setembro se volva á actividade parlamentaria. O grupo, encabezado polo propio Manuel Vázquez, estará integrado polo secretario de Organización, Pablo García, os deputados Mar Barcón, Beatriz Sestayo, Laura Seara, Abel Losada, Xosé Manuel Lage, Pablo López Vidal, Francisco Cerviño, Luis Ángel Lago, Xosé Luis Méndez Romeu, a secretaria xeral das Xuventudes Socialistas, María Torres e o presidente e vicepresidente da Fegamp, Carlos Fernández e Francisco Fraga.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: