Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Enquisa sobre a lingua ás familias

A Mesa: son as contas "de Pinocho" e chegan "sen notario"

O colectivo critica que o conselleiro de Educación non comparecera e dubida sobre as cifras reais do custo deste proceso.

Redacción - 16:45 31/07/2009

"Nin el se atreveu a comparecer nin se deu toda a información requirida", laiouse o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, ao respecto da incomparecencia do conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, na presentación dos datos da chamada 'consulta ás familias sobre a utilización das linguas no ensino non universitario de Galicia'. Para Callón, ao non existiren observadores externos "non hai ningunha garantía, ningunha, de que todo isto non sexa un enorme calote". Desde o colectivo esixen que se aclare se se recontaron só orixinais ou tamén fotocopias e preguntan "de onde xurdiron estas copias masivas e que incidencia teñen no resultado global".

Sobre o detalle das cifras, chámalles a atención na Mesa que "cunha participación tan baixa nos centros públicos, se dean unhas cifras globais de respostas que supera o 50%, o cal só explicábel se na maioría dos centros concertados e privados as respostas foron de case o 100%". "Por que non houbo ningún notario no proceso?", preguntan. Quéixanse ademais de que só se dese o nome da empresa encargada de tratar os datos "e non da encargada do reconto propiamente, que sería unha das partes máis delicadas". Por este motivo, para a Mesa todas as interrogantes sobre transparencia "permanecen abertas".

Gasto excesivo nun proceso sen transparencia
"O que comezou como un proceso tendencioso contra o galego, con preguntas tramposas, desembocou no escurantismo e na fraude", denuncian, cualificando os datos coñecidos esta sexta feira como as "contas de Pinocho, sen credibilidade nin fiabilidade". "Como se pode tardar todo este tempo e non seren capaces de presentarnos datos seriamente desagregados”, por exemplo diferenciando resultados e participación en centros públicos e privados, o cal para A Mesa é “outra proba que evidencia a fraude”.

Por último, poñen en dúbida a cifra de 161 mil euros á que reducen agora desde Educación o custo deste proceso e manteñen a estimación inicial feita pola asociación, na que acusaban a Xunta de gastar arredor de 400 mil euros neste inquérito. Recordan que o propio Goberno orzamentaria 198 mil euros para a consulta e, advirten, "non se sabe o motivo desta redución, cando a última hora decidiron contratar servizos externos inicialmente non previstos". En último caso, e aínda no estremo de que realmente se gastasen 160 mil euros, láianse desde A Mesa de que "os gobernantes digan que malgastaron eses cartos nesta trapallada como se fose algo lóxico, existindo tantas carencias como existen no noso sistema educativo". "Para atacar o galego e crispar as familias, non existe a austeridade", ironizan.


4.93/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: