Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Á porta da nova manifestación cidadá

Porro asegura que o Supremo bendí o porto deportivo do Salgueirón

Na véspera da manifestación veciñal, este sábado ás 19h30, a presidenta da Autoridade Portuaria, Corina Porro, teima en que a Xustiza dálle a razón para botar adiante esta construción. A confraría acúsaa de "terxiversar" a realidade.

Redacción - 10:00 01/08/2009

Na reunión mensual do consello de administración da Autoridade Portuaria, a súa presidenta, Corina Porro, aproveitou para dar a coñecer que o Tribunal Supremo rexeitou o recurso de casación interposto pola Confraría de Pescadores de San José, de Cangas, contra o auto ditado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que avalaba a posición da promotora Residencial Mariña Atlántica, que constrúe o porto deportivo do Salgueirón. Segundo o Supremo, "os danos e prexuízos que se alegan poden ser obxecto de reparación en virtude das medidas correctoras ordenadas".

Xa que logo, e xusto na véspera da manifestación convocada pola confraría, Corina Porro insistía así en que a Autoridade Portuaria ratifica a licenza para ese proxecto. Unha resolución xudicial de decembro de 2008 que, curiosamente, chega á luz pública esta semana, despois dos graves incidentes acontecidos recentemente no lugar e ás portas dunha ampla mobilización cidadá. De feito, a última hora deste venres, desde a confraría aseguraban non ter aínda constancia de tal resolución, recordando as reiteradas reclamacións pola lentitude do proceso mentres a pé do mar de Cangas a construtora seguía arramplando de igual xeito co lugar. "Seguiremos loitando", aseguraba de todas formas o patrón maior.

Ao respecto, o letrado da confraría, Alberto Muñoz, precisou que a sentenza do Supremo refírese unicamente a un recurso de casación, que o alto tribunal rexeita, presentado polos pescadores cangueses co fin de lograr a paralización preventiva das obras. Advirte Muñoz de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) "non ditou sentenza que resolva definitivamente a legalidade ou non do outorgamento concesional discutido". Nese contexto, atribuíu a información dada por Porro ao Consello de Administración como "deficiente, extemporánea e malintencionada" e acusouna de "terxiversar" a realidade. Para o avogado, a "clara intención" de Porro é "escurecer a masiva manifestación" prevista para este sábado "contra as actuacións ilegais da Autoridade Portuaria e a pasividade manifesta do Concello de Cangas".

O novo xerente da confraría aprobou a urbanización cando era concelleiro do PP
A parte da crítica arrebolada polo avogado da confraría cara ao goberno municipal vai directamente contra a alcaldía, coa nacionalista Clara Millán (BNG) á fronte, a quen o Foro Social ten acusado en repetidas ocasións de pasividade diante do conflito. En todo caso, desde o BNG expresábanlle este venres a súa solidariedade á confraría, adherindo á convocatoria e transmitíndolle o apoio ás reivindicacións sobre o porto deportivo ao propio patrón maior. Ao fío, os nacionalistas lembran que o novo xerente do pósito, David Fernández, "coñece ben o expediente do porto deportivo", e recordan o paradoxo de que foi el mesmo, sendo daquela, en 2004, concelleiro do PP, quen aprobou o proxecto de urbanización da zona durante o goberno de Enrique Sotelo.

"Estamos seguros que o seu nomeamento e a súa capacidade abrirán canles de comunicación coa Autoridade Portuaria de Vigo na procura de solucións dialogadas ao conflito", ironizan, chamándoo a colaborar na apertura de interlocución coa Autoridade Portuaria de Vigo. Xa que logo, recordan desde o BNG, Corina Porro, como presidenta da Autoridade Portuaria, é a máxima responsábel de que ese porto se leve adiante. "Foi a Autoridade Portuaria a que outorgou as concesións e a que debe parar a súa construción", advirten.

Ampla mobilización este sábado
A Confraría convocou para este sábado unha concentración ás 19h30 e posterior manifestación que partirá ás 20 horas da Alameda Vella en dirección á zona d'O Salgueirón, onde se constrúe o porto deportivo de Massó, para manifestar a súa oposición a esta obra. A marcha conta co apoio do Foro Social de Cangas e dos colectivos que forman parte da rede Galiza Non se Vende. Á cabeza das numerosas adhesións colectivas e individuais aparecen o premio Nobel da Paz Adolfo Pérez Esquivel, que recentemente xa visitou o Salgueirón para expresarlle o seu apoio aos veciños e, entre outros, o catedrático Xosé Manuel Beiras e o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín. Apoian tamén a convocatoria desde o grupo municipal de Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE), co concelleiro de Urbanismo, Mariano Abalo, á fronte. O lema da marcha: "Os mariñeiros de Cangas din: o porto deportivo de Massó non se fará". Durante o percorrido está previsto que os comercios pechen as súas portas como mostra de solidariedade cos mariñeiros de baixura e en defensa do banco marisqueiro do Salgueirón. Ao final da marcha, a actriz Mabel Rivera lerá un manifesto titulado "Decreto de paralización dás obras".

Defender a nosa terra "non é delito"

Desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) poñen en relación o que acontece en Cangas con outros episodios urbanísticos a pé de mar noutros puntos do país. Consideran os ecoloxistas que é un exemplo da política de "feitos consumados" dirixida a beneficiar "determinados sectores empresariais" que coa "conivencia dalgunhas administracións" pretenden tomar "por asalto" os valores naturais e recursos da costa no seu propio beneficio.

Lembran ao fío que o Plan de Portos Deportivos "pretende enaxenar e artificializar unha manchea de treitos de costa produtiva e ben conservada, comprometendo a viabilidade ecolóxica dalgúns dos ecosistemas litorais máis valiosos e sensíbeis, prexudicando ademais os sectores produtivos tradicionais". Repasan ao tempo o plano acuícola e as macrofábricas que "destruirán case 3 millóns de metros cadrados de litoral virxe", e as infraestruturas como novos portos e espigóns, viadutos e estradas, e outras obras públicas como paseos marítimos "e as eufemisticamente chamadas rexeneracións de praias" que contribúen a alterar para sempre a marxe litoral galega.

"Resulta chave a solidariedade e a unidade de acción na loita contra estes proxectos insustentábeis", defenden aproveitando a cita de Cangas este sábado. "Hoxe é Cangas, mañá será Touriñán, Quilmas, Camelle, Oia.... Defender a nosa terra non é delito!", advirten recordando as recentes detencións dos veciños que realizaban unha protesta pacífica en Cangas.





4.11/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: