Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN OIA

A piscifactoría de Mougás, de ilegal a ampliábel

Adega denuncia que a Xunta dese permiso a Pescanova para ampliar as súas instalacións en Oia, cando sobre esa planta acuícola pesaba unha orde de demolición.

Redacción - 18:30 03/08/2009

Logo de seis anos dende que cursase a súa primeira petición, Insuíña S. L., filial de Pescanova, obtivo o permiso do Consello da Xunta para a ampliación das súas instalacións en Mougás (Oia). A planta acuícola, adicada á cría de rodaballos, será en ampliada en 7.786 metros cadrados e permitirá á empresa atender á súa crecente demanda de alevíns deste peixe das súas plantas de engorde de Xove (Lugo) e Mira (Portugal).

Orde de demolición previa
Adega recorda que sobre esta instalación xa pesaba unha orde de derrubamento do TSXG "por afectar a terreos de Costas e exceder nun 48% a edificabilidade máxima da parcela". Ademais, en 1999, a Consellaría de Ordenación do Territorio, que daquela dirixía Alberto Núñez Feijoo, denegara a autorización para a construción da planta, á que declarou en "situación ilegal e ilegalizábel". Asemade, xa durante o goberno bipartito, outras tantas resolucións e multas instaron á execución forzosa da orde de demolición. Porén, segundo denuncia o colectivo ecoloxista, Pescanova "aplicou a política de feitos consumados, fixo ouvidos xordos ás resolucións e sentenzas e continuou coas obras facendo fronte a varias sancións millonarias da Xunta".

Agora, esta planta acuícola vese favorecida pola declaración de supramunicipalidade que lle atribuíra ao plan acuícola o goberno de Fraga. Este argumento, empregado pola actual Xunta "veulle solucionar a papeleta a Pescanova", di Adega, "todas as ilegalidades cometidas na tramitación desta instalación quedan borradas e as ordes de derrubamento en suspenso". Así, os ecoloxistas denuncian que a devandita declaración de supramunicipalidade non fose sometida a revisión polo bipartito, "de xeito que o Plano Acuícola revisado herdou este trámite, perpetrado no último consello da Xunta da era Fraga". En suma, consideran "unha fraude de lei" que esta empresa "que amosou unha recalcitrante insubmisión a cumprir as leis" se vexa agora favorecida pola Xunta. Lamentan "a actitude da administración, tanto da anterior como da actual: coa boa pequena incoaban expedientes e decretaban ordes de derrubamento, mentres por detrás abrían a porta para legalizar as falcatruadas de Pescanova", aseguran.


Ligazóns

4.67/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: