Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANTE A FISCALÍA

Máis denuncias contra os furados de Iberdrola na conca do Sil

O BNG cualifica de "atentado contra a orografía" o secado dun tramo do río e exixe ao presidente da Xunta medidas urxentes para protexer o ecosistema.

Redacción - 18:00 05/08/2009

Primeiro foron os ecoloxistas da man de organizacións como a Fundación Xermán Estévez ou Adega, logo a creada para a ocasión Plataforma para a Defensa da Ribeira Sacra (formada por colectivos culturais, veciñais e concellos da zona), e agora chégalle a quenda ao BNG para denunciar pola vía xudicial a pasividade das administracións perante as obras nos canóns do Sil. Os nacionalistas, que xa se manifestaran contra este "atentado ecolóxico", porán agora en mans da Fiscalía de Medio Ambiente os traballos de Iberdrola no embalse de Santo Estevo de Rivas de Sil (Ourense) polo secado dun tramo do río.

As seguintes accións xudiciais anunciadas polo BNG son un conxunto de iniciativas que buscan paralizar a construción de novos encoros na cunca Miño-Sil, tanto no Parlamento Europeo como no galego e nas Cortes, ademais de demandar medidas urxentes para a protección deste espazo ao presidente da Xunta, Núñez Feijoo. Os nacionalistas lamentaron que a empresa "estea a secar o río" ademais de non tomarse a preocupación sequera de "retirar os escombros que verqueron no leito".

Un río case seco
A empresa hidroeléctrica está a acometer esta semana os traballos de desaugadoiro do proxecto Santo Estevo II, que Iberdrola continúa a desenvolver nas inmediacións do Embalse de Santo Estevo. Mentres os camións continúan a evacuar os materiais procedentes do tunelado, procúrase que o embalse perda até o 25% da súa capacidade, polo que xa comezaron a liberar auga embalsada na presa de San Pedro (último da cunca do Sil antes de chegar até o Miño).

Estes traballos terán unha duración de cinco anos, polo que a previsión é que xeren milleiros de cascallos, uns sedimentos que a asociación ecoloxista Adega xa cifrara en 220 mil metros cúbicos. Ademais denuncian que este proxecto, xunto cos outros 13 hidroeléctricos tanto no Miño como no Sil, é un exemplo de insustentabilidade ao afectar gravemente ao medio ambiente e ao sector turístico da Ribeira Sacra. Ademais de ser unha "lousa para a conservación das especies protexidas e en perigo de extinción como a aguia real", de afectar a un ecosistema protexido, parte da Rede Natura galega, e de comprometer a declaración pola Unesco desta zona como Patrimonio da Humanidade, a empresa non xera ningún posto de traballo en Galiza. Pola contra, exporta a súa produción eléctrica e apenas deixa ingresos no país.

Competencias sobre a xestión dos nosos ríos
Os responsábeis do BNG advertiron do perigo no que se atopan na actualidade os ríos galegos, sobre todo ante a "ameaza inminente de adxudicar novos aproveitamentos hidroeléctricos". Reiteraron a necesidade de que se redacte un Plan de Usos da Rede Natura que contemple a racionalidade nos seus usos, así como "apostar por unhas prácticas respectuosas que doten de racionalidade a explotación das augas".

Ademais, adiantaron que demandarán as competencias sobre a xestión da Confederación Hidrográfica Miño-Sil para a Xunta de Galiza, para poder "defender mellor os intereses dos nosos ríos". Nesa liña, o BNG tamén exixiu á Administración galega que actúe e "non se limite a estar expectante", xa que acusou ao Goberno de estar paralizado: "non intervén, non actúa; e nós non queremos que este desastre continúe".


5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O río baixa seco por mor das obras de desaugadoiro que está a acometer Iberdrola
O río baixa seco por mor das obras de desaugadoiro que está a acometer Iberdrola
Os nacionalistas piden a Feijoo "menos abrazos" co presidente de Iberdrola e "máis protección dos ríos galegos"
Os nacionalistas piden a Feijoo "menos abrazos" co presidente de Iberdrola e "máis protección dos ríos galegos"