Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cada vez menos rapaces

Moitos concellos seguen incumprindo o compromiso cos cativos saharauís

A delegación da Fronte Polisario critica que moitos municipios seguen sen pagar as cantidades simbólicas prometidas para o programa "Vacacións en paz".

Redacción / Europa Press - 19:15 07/08/2009
Recibimento a crianzas saharauís nun concello do país

Recibimento a crianzas saharauís nun concello do país

Hai xa un ano que desde Vieiros lles achegábamos a queixa do colectivo galego Solidariedade co Pobo Saharauí: 70 concellos levaban tres anos sen pagarlles o billete aos rapaces.

Neste verán de 2009, o delegado da Fronte Polisario en Galiza, Ahmedu Mohamed Fadel, láiase do baixo compromiso dalgúns concellos galegos coas nenas e nenos saharauís do programa de acollida 'Vacacións en paz', que permite, dende o Xacobeo 93, a súa estadía durante o verán con familias galegas. Ahmedu Mohamed Fadel revelou que "moitos concellos non pagan a cantidade que prometen para realizar os labores de acollida", polo que nos últimos anos se reduciu o número de nenos participantes no proxecto 'Vacacións en paz'. "Non é por culpa da crise económica", puntualizou, "pois a cantidade que hai que pagar por cada un deles é simbólica: 650 euros".

Son, polo tanto, as familias de acollida as que se fan cargo dos gastos de alimentación dos nenos, vestido e todos aqueles que se deriven da súa estadía. "Agradecemos moitísimo ás familias que, ano tras ano, abren os seus fogares e tamén os seus corazóns para que estes nenos gocen da súa estanza lonxe do rigor que impoñen as zonas de exilio e refuxio de onde proceden", manifestou Ahmedu Mohamed Fadel.

"Cando marchen, marcharán contentos"
Sandra e Manuel son unha das parellas de Santiago que participan este ano no programa 'Vacacións en paz'. Dende o mes de xullo e até o de setembro, con eles e os seus dous fillos de seis e catro anos respectivamente, convive tamén Marabih, un neno saharauí de nove anos, que veu por primeira vez en 2008.

"Este é o primeiro ano que está na nosa familia, polo que os primeiros días foron de adaptación; el contaba con estar coa familia que o acolleu o ano pasado", explica Manuel, que se refire á relación de Marabih cos seus outros dous fillos como "moi boa". "Creo que o día que se teña que ir, vaise ir contento", manifestou. Segundo a súa familia de acollida, Marabih está a gozar do verán en Santiago, pero non esquece que a súa outra familia, a biolóxica, está no Sahara. "Fala habitualmente por teléfono cos seus pais", afirma Manuel, e asegura ademais que todo o que o neno está a ver estas semanas en Galiza "chámalle a atención", aínda que especialmente "gústalle moito a praia".

"Queren o lugar onde está o seu fogar"
Como explicaba o pasado luns o presidente da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber Ibrahim, lonxe do que moitas persoas adoitan pensar, "estes nenos queren volver á súa casa, aínda que estean a gozar das súas vacacións en Galiza. Para eles, o seu país é o mellor porque alí está o seu fogar".

A Fundación Araguaney é a promotora do programa 'Vacacións pola paz' --similar ao de 'Vacacións en paz'--, que todos os anos trae a Galiza a nenas e nenos palestinos procedentes de campos de refuxiados para pasar tres semanas convivindo con outras persoas na súa mesma situación. Hai catro días, o presidente federal da ONG 'Paz Ahora' e colaborador do proxecto 'Vacacións pola paz', Xullo Rodríguez, denunciaba que o estado de Israel "non deixa" que os nenos de Gaza saian do país, polo que "desgraciadamente" só os de Cisxordania poden participar no proxecto.


3.25/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: