Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LOGO DE 17 MESES

Marrocos e a Fronte Polisario séntanse a negociar

Viena acolle a xuntanza, auspiciada polas Nacións Unidas, na que Rabat volverá a ofrecer a autonomía ao Sáhara Occidental e os saharauís exixirán a celebración dun referendo.

Redacción - 11:40 10/08/2009
A Fronte Polisaria leva reclamando un referendo sobre a autodeterminación dende hai 34 anos

A Fronte Polisaria leva reclamando un referendo sobre a autodeterminación dende hai 34 anos

Este luns inícianse novamente en Viena as conversas informais previas para unha quinta ronda de negociacións entre Marrocos e a Fronte Polisario, baixo o amparo das nacións Unidas. É a escenificación dun inicio de negociacións que levaban paralizadas hai xa 17 meses e que, con todo, non ofrecen ningunha garantía de acordo.

Mais ao contrario, as cousas seguen como hai xa máis de 30 anos, co mesmo punto de partida: Marrocos ofrece a autonomía ao Sáhara Occidental e, de celebrarse un referendo, que sexa para confirmar esa emancipación, que mantería sempre a soberanía marroquí. A Fronte Polisario, pola súa parte, reclama o mesmo que dende hai exactamente 34 anos: un referendo de autodeterminación que inclúa a posibilidade de independizarse de Marrocos.

Malia que o proceso negociador iniciado pola ONU logo do alto o fogo dio Polisario en 1191 incluía este referendo, Marrocos soubo até hoxe impedir a súa celebración. No camiño xa caeron varios mediadores das Nacións Unidas, como James Baker, cun plan que non era aceptado por Marrcos, e Peter van Walsum, considerado polo Polisario demasiado pro-marroquí.

Papel dos Estados Unidos
Se até o de agora Marrocos conseguiu dilatar o proceso é porque contou con poderosos aliados, fundamentalmente Francia e Estados Unidos. A proposta de autonomía era ben vista pola Administración do presidente George Bush, mais agora algúns indicios apuntan a que Obama podería adoptar unha postura menos pro-marroquí e tamén se cre que o novo enviado especial da ONU, Christopher Ross, se podería situar máis na liña de Baker.

Segundo adiantaban a comezos de xullo fontes diplomáticas estadounidenses, o presidente Barack Obama tería ordenado retirar o apoio que até o de agora prestaba Washington ao plan de autonomía, mais a Administración norteamericana podería ter regresado a unha postura pre-Bush sobre a posibilidade dun estado independente do Polisario no Sáhara Occidental.

Dunha banda, o presidente do Subcomité da Cámara de Representantes estadounidense para África, o demócrata Donald Payne, defendeu hai unhas semanas "o dereito de autodeterminación" do Sáhara Occidental", convencido de que se producirá un cambio na política dos EUA respecto desta cuestión. Nesta liña, asegurou que o tema xa foi abordado polo Congreso nunha carta remitida a Obama e asinada por máis de 30 congresistas na que solicitaban un solución para o Sáhara baseada no "respecto á liberdade e os dereitos humanos dos saharauís", xa que "negarlle a autodeterminación é incoherente cos valores e principios dos Estados Unidos".

Da outra banda, hai que ter en conta o peso que ten a postura promarroquí, que esgrime o perigo de apoiar a formación dun novo estado na rexión, que podería servir de base para organizacións terroristas como Al Qaeda. Esta posición tamén se viu plasmada noutra carta, esta asinada por 229 membros da Cámara de Representantes (120 republicanos e 109 demócratas) e remitida a Obama para que apoie o plan de autonomía de Marrocos.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: