Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Iniciativa parlamentaria

O PSdeG desafía o PP a apoiar un conxunto de ideas concretas en favor da lingua

Francisco Cerviño achegou un abano de propostas para a dinamización lingüística, especialmente entre a mocidade.

Redacción - 17:00 13/08/2009

"Non son medidas de confrontación, senón medidas en positivo que servirán para medir a temperatura do PP nesta cuestión", explicou este xoves en conferencia de prensa Francisco Cerviño, voceiro do grupo parlamentario do PSdeG na área de Lingua. "Queremos comprobar se a infección FAES-Génova e o oportunismo de Núñez Feijoo remite ou se por desgraza persiste ou mesmo se agrava", ironizou o deputado socialista en referencia á fundación que dirixe José María Aznar e a dirección do PP en Madrid.

Deste xeito, á maioría absoluta de deputados cos que o PPdeG conta no Parlamento corresponderalle decidir se saen adiante as iniciativas dos socialistas, unha peneira de propostas tiradas das recomendacións do propio plan xeral de normalización lingüística que os populares votaron de xeito favorábel no seu día. "Son medidas de estímulo que inciden no aumento de concienciación e de protección da nosa lingua para diminuír a fenda social e evitar a súa regresión", comentou.

Mocidade, medios, administración e novas tecnoloxías
As suxestións dos socialistas ao Goberno comezan pola proposta de promoción de xogos, obradoiros, emisións radiofónicas, espazos web e teatro infantil, entre outros, enfocados a menores de 18 anos. Explicou Cerviño que a Xunta tamén debera esforzarse no apoio a entidades privadas sen ánimo de lucro, na edición de materiais didácticos, e no incremento do seu uso en áreas de transmisión familiar e da mocidade ao xeito que contempla o plan de normalización.

Por outro lado, Francisco Cerviño chamou a atención sobre os moitos cartos entregados a medios de comunicación, supostamente para garantir o uso do galego nas súas páxinas. Cerviño pediu "subvencionar seriamente" os medios por este concepto, de xeito que a subvención responda a porcentaxes reais do uso do galego nos seus espazos centrais.

Un eixo adicional onde os socialistas desafiarán o grupo parlamentario do PP a aprobar iniciativas concretas é o que lle toca á administración. "Solicitaremos que os galegofalantes que desexen ser atendidos pola administración en galego sexan atendidos, non só respondidos por escrito, senón atendidos verbalmente na súa lingua, igual que os castelán falantes", expuxo. Nesa liña, solicitarán un programa específico de formación en lingua galega para funcionarios "que incida nas habilidades orais" e un proxecto específico para os funcionarios de Xustiza.

Outro ámbito de propostas é o relacionado coas novas tecnoloxías, no marco do cal o PSdeG pedirá impulsar a expansión dos tradutores xa existentes aos ámbitos da administración pública e as empresas privadas e tamén a extensión dos tradutores existentes a outras linguas europeas, como por exemplo ao alemán. As axudas a fabricantes de telefonías para estender a oferta de aparellos en galego e a tradución de ferramentas informáticas de uso moi estendido son outras iniciativas.


4,95/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: