Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O sector pide máis axudas públicas

A Xunta defende os investimentos forestais, mais os propietarios de montes falan de "25 anos de atraso"

A Asociación Monte Industria demanda "consenso político" para dotar ao sector forestal dun mellor marco normativo.

Redacción / Europa Press - 09:30 17/08/2009

Os principais colectivos que agrupan os propietarios de monte privado en Galiza, que representa o 98% do terreo forestal, urxen máis apoio económico da Xunta para aumentar a produción e o repoboación dos bosques, medidas lexislativas e incentivos fiscais. En contraste cos sectores pesqueiro e agrogandeiro, consideran que o forestal é "o máis desfavorecido" na repartición de axudas. "Levamos 25 anos de atraso", asegurou o xerente da Asociación Monte Industria, Juan Picos, que demanda "consenso político" para dotar ao sector forestal dun mellor marco normativo, argumentando que os propietarios viven "nun 'déjà vu' continuo" cos sucesivos cambios no Executivo autonómico, "sempre formulando o mesmo".

Non obstante, para un dos directores técnicos da Asociación Forestal de Galicia (AFG), Braulio Molina, "unha lei non é suficiente e por si soa non fai nada se non se fai algo por dar máis rendibilidade ao monte". Neste sentido, a principal demanda deste colectivo é unha política forestal con máis subvencións destinadas á silvicultura como medida "preventiva" contra o risco de incendios. Mentres Molina criticou, en declaracións a Europa Press, que as actuais achegas "son insuficientes e só van ás comunidades", o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común, Xosé Alfredo Pereira, expresou a súa "preocupación" porque "nos catro meses do novo goberno non saíu ningunha axuda" para o monte veciñal". Ademais, censurou o comportamento "contraditorio" da Consellería de Medio Rural, á que acusa de "anular axudas" para a súa limpeza á vez que alerta do perigo de incendios.

Precisamente, o Plan de Prevención e Defensa contra vos Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) recolle a orde de decembro do pasado ano pola que se estabelecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións á prevención e defensa contra incendios forestais en montes veciñais en man común, e que se convocan para 2009, con dúas liñas de actuación: a xestión de biomasa e a construción de puntos de auga.

Os incendios "combátense en inverno"
As Comunidades de Montes en Man Común son partidarias de combater os incendios "en inverno, non en verán", con persoal "cualificado" de Medio Rural dedicado a "labores de prevención todo o ano". Xosé Alfredo Pereira considerou que nos dous últimos anos se produciu unha mellora "substancial" do monte, ao que se engade un servizo de defensa contra incendios que a AFG cualifica de "exemplar, aínda que algúns lle critican que sexa demasiado gasto", engadiu Molina a Europa Press.

Entre os críticos, Juan Picos ve "inxusto" que os fondos destinados a prevención e extinción "saian do peto destinado ao sector forestal", aínda que coincide en que se trata dun servizo "necesario". Argumentou que o problema dos incendios xa "excede" este ámbito e converteuse nunha cuestión de "orde pública, que afecta a vidas, bens e infraestruturas", polo que sería motivo de "reflexión na sociedade" valorar que "por unha hora de hidroavión se podería reforestar moito". A este respecto, o xerente de Monte Industria recordou que actualmente se están a sufrir os efectos dos incendios producidos na década de 1980: "As árbores que perdemos hai 20 anos botámolas agora de menos", co que advirte que os efectos do lume que arrasou os montes en 2006 "se notarán no futuro, por perder madeira e non repoboar".

Problemas estruturais
Á "falta de apoio institucional" da que se queixa o sector forestal, formado por máis de 650 mil propietarios que --entre particulares e comunais-- suman dous millóns de hectáreas, segundo datos do Pladiga, engádense complexos problemas "estruturais". Braulio Molina calcula que "non máis do 25% do monte desenvolve unha actividade forestal continua"; o demais está en mans do que chama "propietarios ausentes", o que leva a que "os montes se vaian empobrecendo".

Pola súa banda, Juan Picos destacou que o sector forestal está "entre os tres primeiros xeradores de emprego no rural galego", onde anualmente uns 40 mil galegos venden madeira e máis de 50 mil realizan algunha actividade afín. Un informe elaborado por Monte Industria, o Cluster da Madeira de Galicia, a Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madeiras de Galicia e a Federación de Empresarios de Carpintaría e Mobiliario revela que en 2008 se facturaron 2.259 millóns de euros, o que supón un descenso do 6% en relación a 2007. Picos augurou "anos vindeiros complicados" para a industria forestal galega, onde poderían desaparecer uns 3.000 empregos, segundo ese informe. O xerente de Monte Industria sostivo, pola súa parte, que o monte ten unha capacidade "brutal" de produción, pero a súa produtividade "real" está "moi por debaixo" da que podería ter. Por iso apelou a "ser máis competitivos" ao nivel doutros países como Estados Unidos, Finlandia e Austria.

"España importa a metade dos produtos de madeira que necesita e a outra metade prodúcea Galiza", explican desde Monte Industria. Cos oito millóns de metros cúbicos de madeira extraidos dos montes galegos en 2008 poderíase cubrir o déficit a nivel estatal e mesmo europeo, afirma o xerente desta asociación. Pero o prezo da madeira está "polo chan" e non sobe dende hai décadas, "mentres os gastos aumentan co IPC e a suba do gasóleo," sinala o técnico da AFG.

Por iso Monte Industria aposta por "producir o dobre por hectárea co mesmo custo, para que o propietario gañe diñeiro e siga plantando". Picos comparou o monte de antano cunha "caixa de aforros" e estima que o valor da madeira equivale ao 11% dos depósitos bancarios. "Non obstante, agora se un propietario quere aforrar non planta árbores" lamenta, "porque non se lle incentiva coma se fixese un plan de pensións". "Dificilmente haberá unha tratorada forestal, porque o que farán os propietarios será abandonar o monte, e cando --non un, senón moitos-- o fagan", advirte Juan Picos, "verase dez anos despois e será tarde". O colectivo Monte Industria quere concienciar así á cidadanía e administración de que "vivir de madeira importada" é unha "frustración" equiparábel á de "traer o peixe ou o leite doutro sitio: o principio do fin".

A Xunta defende o investimento de 60 millóns na mellora de 25 mil hectáreas
A Consellaría de Medio Rural anunciou este mesmo domingo que prevé investir até finais de 2009 máis de 60 millóns de euros en case 25 mil hectáreas de superficie forestal en toda Galiza. Segundo o departamento que dirixe Samuel Juárez, estas actuacións son de especial "relevancia" na prevención contra os incendios e na defensa do medio natural, posto que "contribúen de xeito decisivo a poñer en valor a riqueza forestal e garantir o futuro do monte galego".

Ao longo deste ano, a consellaría investirá perto de 15 millóns de euros para obras en montes xestionados directamente pola Xunta. Do total, subliñou os tratamentos silvícolas nun total de 4.785 hectáreas, cun presuposto de 6,7 millóns de euros; os repoboacións forestais en máis de 2.200 hectáreas, cun presuposto de cinco millóns de euros; e a creación e repaso de máis de 180 quilómetros de pistas, ás que se destinará máis dun millón de euros.

Así mesmo, haberá obras de mellora en execución no marco destas axudas, que representan este ano unha inversión demais de 45 millóns de euros. Nesta liña, inclúense as axudas para a forestación ou o mantemento da repoboación que, cunha dotación de 21 millóns de euros, beneficiaron a 1.850 propietarios e perto de 10.000 hectáreas; xunto coas axudas para tratamentos silvícolas que conta con 10,6 millóns de euros e beneficiaron a 700 propietarios e 7.500 hectáreas.

Por outro lado, atópanse os incentivos para a creación e a mellora de empresas de comercialización e transformación de produtos forestais, cunha inversión de 7,5 millóns de euros e 180 empresas beneficiadas. Finalmente, e a raíz de do ciclón 'Klaus', estanse a desenvolver actuacións de aproveitamento e retirada de madeira danada a través dunha liña de axudas concreta. Neste caso, o presuposto ascende a 6,3 millóns de euros e favorece 750 propietarios particulares de terreos forestais.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: