Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Do 1 ao 5 de setembro

O SLG retoma as mobilizacións pola crise do leite con seis días de concentración en Compostela

As protestas buscan facer presión sobre os ministros da UE para que modifiquen a política leiteira europea.

Redacción - 19:20 27/08/2009

A semana que vén os gandeiros volven saír á rúa para reivindicar un cambio na política leiteira europea que poña fin á crise que atravesa o sector. O Sindicato Labrego Galego (SLG) convocou este xoves a mobilización, que desta volta non terá a forma dunha tractorada, senón que será unha concentración permanente do 1 ao 5 de setembro nunha praza céntrica de Compostela.

Nese lugar aínda sen concretar o SLG instalará unha carpa na que desenvolverán actividades informativas e reivindicativas día e noite, desde charlas até reparto de leite. Ademais dos gandeiros e gandeiras, á concentración están convocadas outras organizacións sociais que queiran arroupar ao sector.

A protesta enmárcase no calendario de mobilizacións que a Coordinadora Europea Vía Campesina acordou levar adiante en toda Europa entre o 1 e o 7 de setembro. Este último día, o SLG desprazarase a Santander para manifestarse nun acto no que participará a ministra de Medio Ambiente, Rural e Mariño, Elena Espinosa.

Manter a atención sobre as demandas do sector
A secretaria xeral do SLG, Carme Freire, e a responsábel de sectores gandeiros na Coordinadora Europea Vía Campesina, Lidia Senra, explicaron que con estas mobilizacións tratan de manter a atención da cidadanía sobre as demandas do sector. O sindicato esixe “o establecemento dun prezo mínimo para o leite, a redución da cota global europea para eliminar o anegamento do mercado e a redistribución do dereito a produción mantendo o control público da mesma”.

Lidia Senra sinalou este xoves que “as mobilizacións están a achegar avances nas reivindicacións do sector produtor; conseguimos que a crise do leite entre na axenda política europea”. Precisamente o 7 de setembro terá lugar un Consello Extraordinario de Agricultura, no que os ministros e ministras da Unión Europea abordarán a situación do sector lácteo. Será despois de que o 1 e 2 de setembro se reúna a Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo para tratar os problemas que lles trasladaron as organizacións agrarias europeas.

Os ministros da UE teñen a chave da solución
O SLG salientan que as ministras e ministros de agricultura teñen as competencias para establecer medidas de fondo que resolvan a crise. Para iso reclaman normativas que fixen un prezo mínimo do leite que teñan en conta os custos de produción e a remuneración do traballo dos gandeiros.

En xullo o SLG rexeitou o principio de acordo a nivel estatal que fixaba un prezo de referencia para o leite por consideralo insuficiente. Na actualidade, este pacto non se está a cumprir, e practicamente todas as explotacións galegas están cobrando por debaixo dos 31 céntimos sinalados no pacto.


4.67/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: