Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Na busca dos supervendas galegos

“Iremos chegando aos best-sellers conforme nos asentemos como sistema editorial”

Manuel Bragado e Carlos Lema coinciden na importancia do fenómeno para ampliar o abano de lectores en galego.

Moisés Álvarez - 10:30 03/09/2009

As extraordinarias vendas do libro A cociña de Larpeiros e o bo ritmo co que se despacha a última novela de Domingo Villar colocan estes dous títulos como candidatos ao best-seller galego actual. O libro de receitas de Benigno Campos vai pola súa cuarta edición, con 22 mil exemplares na rúa, e a última entrega do detective Leo Caldas vendeu desde abril case cinco mil exemplares e conseguiu novos lectores para a súa primeira novela, Ollos de auga. Aínda están lonxe das cifras dos libros galegos máis vendidos da historia, pero supoñen dous novos achegamentos a un fenómeno pouco frecuente no noso sistema editorial. Podemos realmente falar de best-sellers galegos?

Carlos Lema, director de edicións de Galaxia, ten claro que si. Atendendo ao significado do anglicismo e “aplicando as medidas do mercado galego, que son as que temos que aplicar, A cociña de Larpeiros e A praia dos afogados son best-sellers, sen dúbida ningunha”. Manuel Bragado, director de Xerais, considera que o concepto é difícil de aplicar en Galiza. “Hai libros que se venden de forma excelente pero non se corresponden con esta categoría. Aquí nunca houbo verdadeiros best-sellers. O que hai é long-sellers, libros que manteñen vendas ao longo do tempo que chegan a ser extraordinarias”.

Romper o nicho do libro galego
Bragado cre que “os best-sellers non son normalmente libros estritamente literarios, senón produtos de lectura. Ata agora en Galiza non tiveron presenza, pero conforme nos asentemos como sistema editorial chegaremos a este fenómeno”. Aínda que mantén que este concepto non se pode aplicar a obras de non ficción, éxitos como o do libro de Larpeiros serven para atraer novos lectores. “Temos que chegar a toda a sociedade. O libro galego non pode quedar reducido a esa elite de 10 mil lectores literarios, que é un dos piares do noso sistema editorial”.

Para saír da dependencia do outro piar, o mercado escolar, e aumentar a presenza do libro galego na sociedade, “é moi importante que un libro adquira ese nivel de vendas de impulso nas librerías. Iso significa que chegamos a un abano de lectores máis amplo”, apunta Carlos Lema. “A barreira entre lectores en galego e en castelán é cada vez mais difusa. Libros como os de Benigno Campos e Domingo Villar axudan a romper o nicho do libro galego e demostran que hai xente de todo tipo que le na nosa lingua”.

A historia dos supervendas
Como en todas as linguas, hai libros clásicos galegos que se sitúan entre os máis vendidos ao sumar as vendas logradas ao longo do tempo. Follas Novas e Cantares Gallegos, obras de Castelao e Cunqueiro, A esmorga de Blanco Amor e Memorias dun neno labrego son bos exemplos. Pero hai outros que conseguiron na escala do mercado galego unhas vendas elevadas en pouco tempo, algo característico dun best-seller. O primeiro fenómeno deste tipo foi a edición de O catecismo do labrego de Lamas Carvajal na colección O Moucho de Editorial Castrelos. Cando saíu en 1967 vendeu 20 mil exemplares, algo insólito naquel tempo e moi difícil aínda hoxe.

Máis próximo no tempo está o caso de O lapis do carpinteiro. Cando a novela de Manuel Rivas se publicou en 1998, foi necesario facer unha reedición antes de que estivese na rúa, debido á forte demanda. Once anos despois, é o libro de Xerais con máis vendas: 76.600 exemplares. Pero o que segue a predominar nos libros de éxito actuais é o que Bragado chama long-sellers. A esta categoría se adscribirían Galván en Saor de Darío Xohán Cabana, Crime en Compostela de Carlos Reigosa, Que me queres, amor? de Manuel Rivas ou Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, que xa vai polos 71.700 exemplares vendidos.

Hai ocasións nas que se consegue a fidelidade con personaxes e son as coleccións as que se converten en supervendas. É o caso das series de Os Bolechas, os personaxes infantís creados por Pepe Carreiro. Xosé Enrique Acuña, director literario de A Nosa Terra, explica que “todos os volumes de Os Bolechas teñen un nivel de vendas alto. Créase certa dependencia e os rapaces queren ter todos os títulos”.

Máis literatura de xénero
Os best-sellers internacionais encádranse polo xeral na literatura de xénero. Nos últimos anos medrou considerabelmente a produción de novela negra. “Houbo un esforzo moi grande en ampliar produción, pero non pode haber un volume de creación tan grande como noutras linguas. Fenómenos como o de Domingo Villar non abundan en ningún idioma”, sinala Carlos Lema.

Noutros xéneros como a intriga histórica, a ciencia ficción e a novela erótica a produción é escasa. E é nula se falamos do produto editorial con tiradas máis altas no Estado: a novela romántica, da que se tiran catro veces máis exemplares que da media. Bragado cre que este tipo de produto tamén chegará á edición en galego. “Cando falamos de ter un sistema editorial normal falamos de editar máis produtos de lectura, máis literatura de xénero. Os editores galegos damos prioridade á edición literaria pola lectura que facemos do mercado, pero na medida que vaiamos ampliando a base social de lectores, iso virá de seu. Non teño problema en editar novela romántica se hai lectores para ela”.


4.67/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: