Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Debate no Hórreo

Nin caixas, nin Estatuto (e moito menos de "nación")

O PPdeG rexeita constituír comisións sobre estes dous temas, e recórdalle ao ministro de Xustiza que os galegos "están cómodos" co marco actual.

Redacción - 17:15 15/09/2009

O PPdeG rexeitou este martes a creación dunha comisión parlamentaria sobre a situación das caixas galegas, mais garantiu "transparencia" aos grupos para lles ofrecer toda a información respecto diso que soliciten.

PSdeG e BNG lamentaron a decisión. O nacionalista Carlos Aymerich temeu que esa "transparencia sexa como a dunha parede de lousa", e o socialista Xaquín Fernández Leiceaga sinalou que o rexeitamento supón que Feijoo "prefire asumir en solitario os custos e vantaxes" da defensa das caixas galegas.

Estatuto tampouco
Tamén a maioría de deputados do PPdeG na Mesa do Parlamento botou abaixo a posibilidade de crear unha comisión sobre a reforma do Estatuto, unha iniciativa tamén do PSdeG que, a xuízo dos nacionalistas, "non se defendeu con demasiado ánimo nin fe".

Galiza "non pode esperar por unha sentenza do Tribunal Constitucional" sobre o Estatut para iniciar a reforma, dixo o portavoz dos socialistas, mentres que o popular Ruiz Rivas considerou que non é o momento de iniciar un proceso que poida significar unha "perda de tempo", xa que as posturas dos tres grupos permanecen inmutábeis.

... e moito menos de "nación"

O deputado do PPdeG fixo súas as palabras do ex presidente Emilio Pérez Touriño, que nunha entrevista na TVG dixo que os nacionalistas son "unha minoría" que non pode "impor" as súas teses, en relación á inclusión do termo "nación". Neste punto, tamén criticou que o ministro de Xustiza "un e outro día diga que o Estatuto galego" ten que "recoller" este termo.

Tamén o portavoz do partido conservador, Antonio Rodríguez Miranda, fixo referencia ás palabras de Francisco Caamaño deste luns, do que dixo "segue empeñado en defender para Galiza unhas teses que poderían ser declaradas inconstitucionais e que, desde logo, non concordan co sentir maioritario da cidadanía galega".

Neste senso, recordou que as enquisas realizadas por todos os gobernos reflicten que a sociedade está cómoda coa definición de "nacionalidade histórica" que marca o texto actual, que foxe de "nacionalismos". Ademais, recomendoulle ao goberno español que non interfira nas pautas que "debe seguir Galiza neste senso".


2.6/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: