Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANTE AGRESIÓNS COMO A DA BRILAT

Roteiro arqueolóxico con fins reivindicativos

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra impulsa unha camiñada para revalorizar o patrimonio prehistórico de Lourizán, San Xulián e Salcedo.

Redacción - 11:10 19/09/2009

A construción da variante de Marín, a franxa de seguridade da Brilat... As agresións que está a sufrir o patrimonio arqueolóxico de parroquias como Lourizán, San Xulián ou Salcedo son moitas e os veciños non queren quedar parados mentres todo isto acontece. Así o demostra a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), quen está a organizar un roteiro arqueolóxico que, dunha banda revalorice e dea a coñecer a súa riqueza patrimonial, e da outra denuncie as accións destrutivas das que é obxecto.

O primeiro destes roteiros celebrarase o vindeiro domingo 27 de setembro, para o que a APDR convoca aos veciños de Pontevedra e de Marín nas proximidades da Facultade de Belas Artes e da Escola Naval Militar, respectivamente, dende onde se iniciarán os desprazamentos. A camiñada terá unhas dúas horas e duración e permitirá achegarse até os petroglifos do Campo de Tiro, situados no terreo militar da Brilat. Esta iniciativa conta, ademais, co apoio de asociacións veciñais como a de San Xulián de Marín, a parroquia de Lourizán, o colectivo Heroes do Campo da Porta ou a comunidade de montes de Salcedo.

A loita continúa
Mentres, as accións legais dos veciños a causa da franxa de seguridade da Brilat seguen en marcha. O presidente da Comunidade de Montes de Salcedo, Fernando Pintos, informa que a vindeira asemblea está prevista para o vindeiro 18 de outubro, cando se decidirá sobre a reclamación dos terreos comunais. Con todo, este colectivo entende que esta é unha carreira de fondo e que levará anos conseguir o recoñecemento de todos os seus dereitos.

Así as cousas, Pintos lamenta os efectos das obras acometidas no recinto castrense para recrear unha aldea afgana (ver foto), que provocaron a destrución da mámoa de Louredo, e acusa á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza de non facer nada para impedir "que se arrasase o monte". O obxectivo que manteñen os comuneiros, se conseguen a reversión dos terreos, é repoboar con especies autóctonas.


Ligazóns

4.33/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Cartaz do roteiro, convocado para o domingo 27 de setembro
Cartaz do roteiro, convocado para o domingo 27 de setembro
Imaxe dunha das manifestacións contrarias á ampliación da franxa da Brilat
Imaxe dunha das manifestacións contrarias á ampliación da franxa da Brilat
Efectos que tivo sobre o monte comunal a construción dunha aldea afgana para o entrenamento dos soldados
Efectos que tivo sobre o monte comunal a construción dunha aldea afgana para o entrenamento dos soldados