Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
ENTREVISTA NO XORNAL COLOMBIANO EL TIEMPO

Carter recoñece colaboración do Goberno de EUA no golpe contra Chávez

O ex presidente de Estados Unidos e Premio Nobel de Paz, Jimmy Carter, declarou nunha entrevista co xornal bogotano El  Tiempo sentirse "decepcionado" co rumbo que adoptou o goberno do presidente de Venezuela, Hugo Chávez, e expresou a súa preocupación polo seu carácter cada vez máis "autoritario". Na entrevista  recoñeceu a "implicación directa" do Goberno de EUA no golpe de Estado contra Chávez o 11 de abril de 2002. 

Xurxo Martínez Crespo - 09:58 22/09/2009
Jimmy Carter / Foto: Carter Center

Jimmy Carter / Foto: Carter Center

O líder demócrata de 85 anos lamenta que o seu país non lle dea a atención necesaria a América Latina e pide un xiro radical neste tema.

Sobre Colombia, recoñeceu "o bo traballo" do presidente Uribe e dixo non ter reparos á posibilidade dunha segunda reelección se "o proceso legal é aprobado e os cambios constitucionais danse por conta dun referendo libre e xusto".

Con respecto ao presidente venezuelano o entrevistador colombiano perguntoulle:

"Falando de Venezuela, que pensa de Hugo Chávez?

Coñézoo ben. O Centro Carter estivo involucrado en catro ou cinco eleccións, algunhas das cales foron moi complicadas. Diría que cada resultado electoral foi basicamente compatíbel coa vontade do pobo. Así o vin de xeito case consistente no pasado.

Chávez saíu adiante nunha elección honesta con case 60 ou 62 por cento dos votos. Dito iso, acho que a súa popularidade dentro do seu país decreceu e que a súa influencia tamén decreceu noutros Estados. Pero o vexo como alguén que trouxo, quizais, unha transformación necesaria a Venezuela ao deixar que aqueles, antigamente, excluídos tivesen unha participación máis igualitaria na riqueza nacional.

Iso fíxoo ben en anos pasados, particularmente cando estaba cheode recursos petroleiros. Agora que estes caeron, estou preocupado verbo da inclinación de Chávez de consolidar todo o poder político na súa propia oficina, en desmedro da influencia dun poder xudicial independente, que é necesario, e ás veces tamén de órganos autónomos dentro da administración, agás do poder lexislativo que controla case completamente agora.

Non lle boto a culpa de todos eses problemas, porque coido que a oposición política foi mal asesorada como cando boicotou as eleccións parlamentares, co cal Chávez controla todos os escanos. Pero non creo que haxa dúbidas.

Persoalmente decepcionoume ao velo apartarse do que considero era unha oportunidade xusta e honesta que foi o resultado de eleccións lexítimas, cara a unha dominación en aumento da súa parte que o levou a ter un Goberno máis autoritario.

Que hai acerca das súas críticas a EUA?

Nese caso tamén teño emocións encontradas. Coido que non hai ningunha dúbida de que en 2002, EUA tiña polo menos pleno coñecemento ou puido estar directamente involucrado no golpe que o derrocou. De tal xeito, el (Chávez) ten un reclamo lexítimo contra o goberno de EUA, que tratou de sacalo. Agora temos un presidente diferente do que tiñamos daquela e Chávez tamén cambiou."


Ligazóns

3,4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: