Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MOVEMENTOS

A capitalidade e o futuro dos altos cargos complican a fusión das caixas galegas

Os círculos empresariais da Coruña e Vigo e a necesidade de reaxustar os postos directivos son os principais obstáculos para a unión. Eis algunhas das claves.

Ramón Vilar - 13:00 23/09/2009

A fusión de Caixa Galicia e Caixanova é para moitos a única solución para manter a medio prazo un sector financeiro autóctono. A pesar das mensaxes que se encargaron de enviar nos últimos meses dende as dúas entidades galegas, xa case ninguén cre na viabilidade de dúas caixas independentes no actual contexto de crise.

Dende hai máis dun ano, os ruxe-ruxe sobre a complicada situación que estarían vivindo as dúas caixas, especialmente Caixa Galicia, non deixaron de circular nos cenáculos políticos e económicos do país. En cuestión estaban as políticas de investimento dos últimos anos, ligadas en exceso ao sector inmobiliario e a multimillonarias inxeccións de crédito para empresas que levaban a cabo proxectos fóra do país.

As alarmas saltaron cando se especulou coa intención de Caja Madrid de tomar o control de Caixa Galicia. Feijoo apresurouse a dicir que a aposta do Goberno é contar cunha entidade de aforro plenamente galega. Porén, os máis escépticos pensan que o PPdeG non ten  moi claro os pasos a dar nos vindeiros meses e pensan que en caso de que non se busque unha saída propia córrese o risco de que o Banco de España impoña unha solución dende Madrid.

A Coruña-Vigo-Santiago

A cuestión local non é un tema menor á hora de afrontar a fusión. Caixa Galicia e Caixanova teñen lazos máis que estreitos cos tecidos empresariais da Coruña e Vigo. A Xunta podería buscar unha “solución salomónica”: unha sede central en Compostela e dúas sedes (a operativa e a social) nas outras dúas cidades.

As grandes empresas (incluídas as mediáticas) que traballan coas dúas entidades son as primeiras que se mostran máis temerosas dunha caixa menos local e con máis vocación nacional. A razón é obvia, as dúas entidades son o principal aval para moitas operacións económicas da gran patronal coruñesa e viguesa. De aí o temor a que a perda da centralidade se poida traducir nun distanciamento do poder financeiro.

Méndez-Gayoso, moitos galos para un só galiñeiro

A historia recente das caixas galegas pasa por dous nomes: Xosé Luís Méndez (Caixa Galicia) e Xosé Fernández Gayoso (Caixanova). Os seus nomes acostuman a citarse entre os dos galegos “con máis influencia”. Non é para menos. Dende hai décadas moitas das principais operacións empresariais do país precisan do seu “nihil obstat”.

A diferenza doutras comunidades, como é o caso de Cataluña, en Galiza non está limitado  o número de mandatos dos directores xerais. Así Méndez é director xeral dende 1981, mentres que Fernández Gayoso pasou en 2006 a ocupar a presidencia de Caixanova, logo de catro décadas como director xeral.

Cun Fernández Gayoso en lenta retirada por cuestións de idade (78 anos), Xosé Luís Méndez (de 64), afeito a convivir  e a influír en gobernos populares e socialistas (tanto a nivel local como autonómico), non semella que estea disposto a tirar a toalla ás primeiras de cambio.

Algúns confidenciais, as información incluso chegaron ao Parlamento, apuntan a que Núñez Feijoo ten un favorito para liderar esa fusión: Xoán Ramón Quintás, presidente a CECA. Este alto directivo, nado na Coruña en 1943, encargouse esta semana de dicir que non tiña especial interese en dirixir unha caixa única galega

Oito mil empregados e 1.400 oficinas
A fusión das dúas caixas galegas convertería á nova entidade na terceira máis importante do Estado Español, só por detrás de La Caixa e Caja Madrid. Na actualidade, entre as dúas entidades contan con algo máis de oito mil empregados e 1.400 oficinas (máis de 600 fóra de Galiza).

A unión faría insostíbel a actual rede de oficinas, aínda que a priori o recorte podería centrarse nas oficinas do exterior. En canto aos traballadores, as hipóteses que se manexan son as das prexubilacións para lograr reaxustes menos traumáticos.

Sen dúbida, a fusión entre caixas galegas sería ben menos prexudicial dende o punto de vista laboral ca unha absorción por  parte dunha entidade foránea, como é o caso de Caja Madrid. Isto, traduciríase automaticamente no peche dos centros neurálxicos das dúas entidades (A Coruña e Vigo) e en que as principais decisións pasasen a decidirse dende a capital española.

Mentres tanto, o tempo semella correr en contra. Os principais actores saben que este outono pode determinar o futuro do sector financeiro galego. O espello de dúas caixas enrocadas no norte e no sur parece non ter moito máis percorrido. Á espera de saldos está tamén o capital foráneo.


4.89/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Á dereita, na entrega dun trofeo deportivo, o director xeral de Caixa Galicia, Xosé Luís Méndez
Á dereita, na entrega dun trofeo deportivo, o director xeral de Caixa Galicia, Xosé Luís Méndez
Fernández Gayoso, presidente de Caixanova
Fernández Gayoso, presidente de Caixanova
Na actualidade, as dúas caixas suman máis de 1.400 oficinas
Na actualidade, as dúas caixas suman máis de 1.400 oficinas
Sede central de Caixanova en Vigo
Sede central de Caixanova en Vigo
Feijoo asegura que só traballa na posibilidade dunha fusión 100% galega
Feijoo asegura que só traballa na posibilidade dunha fusión 100% galega