Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SENTENZA

O Tribunal Superior de Xustiza avala as obras do porto deportivo de Massó

Desestima o recurso da confraría de pescadores ao entender que o beneficio que terá o peirao será superior ao custe ambiental.

Redacción - 10:32 25/09/2009
A Confraría xa anunciou que recurrirá a sentenza

A Confraría xa anunciou que recurrirá a sentenza

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) desestimou o recurso contencioso-administrativo interposto pola Confraría de Pescadores de Cangas contra a construción do porto deportivo d'O Salgueirón, en Cangas, promovido pola empresa Residencial Marina Atlántica. No recurso pedíase a nulidade das resolucións da Autoridade Portuaria de Vigo coas que se outorgou a concesión para a construción e a explotación deste peirao de carácter deportivo, situado na zona da antiga fábrica Massó.

Segundo transcendeu, a decisión xudicial considera que a confraría non ten dereito a ser indemnizada, ao entender que non se está a privar aos mariñeiros dos seus dereitos pesqueiros, senón que o prexuízo ocasionado será unha "limitación das súas capturas" nunha pequena parte, sobre a zona na que se constrúen os amarres. Así, só acepta que se reclamen danos e prexuízos. Ademais, explicita que o custe ambiental que puidera derivarse destas obras é menor que o beneficio socioeconómico que o porto terá no concello. A sentenza, con todo, pode ser susceptíbel de recurso de casación ante o Supremo.

Día de reaccións
Nunha xornada que xa se prevía conflitiva pola celebración na noite deste venres dun pleno municipal no concello cangués, a noticia correu como a pólvora entre todos os implicados. Dunha banda, a confraría xa adiantou que presentará, en primeiro lugar, un recurso de aclaración polas "inexactitudes e contradicións" que percibe en algúns dos fundamentos da sentencia e, a continuación, presentarán un recurso de casación ante o Supremo. Na mesma liña se manifestan os membros do Foro Social de Cangas.

Mentres, a empresa, Marina Atlántica, afirma que o fallo xudicial "demostra que a obra é totalmente legal" e agarda que "se execute o antes posíbel" para poder continuar as obras con total normalidade. Recorda que sempre defendeu a legalidade e beneficios económicos que reportará o proxecto e subliñan que "seguirán abertos ao diálogo". Na mesma liña se manifestou a presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo, Corina Porro, quen asegurou que os tribunais "non fan máis que lexitimar un proceso levado a cabo polo Puerto".

Quedan agora por ver as reaccións dos diferentes grupos políticos con representación municipal no concello de Cangas, uns posicionamentos que se reflectirán, con toda probabilidade, na celebración do pleno municipal na noite deste venres.


Ligazóns

1.8/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: