Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O EXECUTIVO LOCAL AO BORDE DA RUPTURA

A alcaldesa de Cangas anuncia "novidades" no pacto de goberno logo dun pleno cheo de incidentes

Despois de denunciar intentos de agresión, di que a situación é insoportábel e acusa a Mariano Abalo de ser o responsábel do que está a acontecer.

Redacción - 14:09 26/09/2009

A última hora da tarde do venres, o consistorio de Cangas foi o mellor exemplo do grave enfrontamento que manteñen os veciños contrarios ao porto deportivo de Massó coa acaldesa Clara Millán (BNG). Os incidentes comezaron cando a rexedora se negou a admitir unha moción de Mariana Abalo (ACE) sobre as obras en Massó. Millán pediulle ao edil do seu propio executivo que presentase a proposta como un rogo e non como moción. O forte debate acabou cando a alcaldesa decidiu suspender o pleno polos insultos do público.

Cando os concelleiros intentaban saír do salón de plenos, un importante grupo de veciños pechou a porta e impediulles o paso. Os dous axentes da policía local presentes non puideron evitar a retención e a rexedora eludiu pedir a presenza da Garda Civil. Durante os incidentes, segundo recolle a Policía Local, parte do público lanzou ovos contra os edís eles e incluso houbo intentos de agresión. A propia alcaldesa denuncia que sufriu empurróns dun manifestante.

Un día despois dos incidentes, Clara Millán responsabiliza dos mesmos ao concelleiro de Urbanismo, Mariano Abalo. Segundo a alcaldesa a situación é “insportábel” e anuncia que vai haber “novidades” na relación cos seus socios de goberno de Alternativa Canguesa de Esquerdas, que lidera o propio Abalo.

Este mesmo sábado dende o Concello tamén facían público o atestado elaborado pola Policía Local sobre o acontecido no pleno:

ASUNTO: Incidentes Pleno do 25/09/09         Nº REX: 2091/09
Que sobre as 20:00 aproximadamente do día 25/09/09 comezou a celebración do Pleno Ordinario do Concello de Cangas.

Que sobre as 20:50 horas a Alcaldesa-Presidenta suspende a celebración do mesmo, debido aos reiterados desacatos de chamada a calma e a gardar silencio.

Que no momento da suspensión do Pleno, de entre o público (unhas 200 persoas aproximadamente), lanzaronse varios ovos contra a Presidencia da Sá, alcanzando na frente, cerca dun ollo, e no ombreiro ao Interventor Xeral do Concello; outros tres ovos impactaron contra a parede da Presidencia da Sá, á altura das bandeiras (acompañase reportaxe fotográfica). Non se puido identificar aos autores do lanzamento debido ao alboroto que se producía na sá.

Que no mesmo momento, por unha parte do público foi pechada a porta principal do salón de plenos (porta de corredeira de considerables dimensións e peso), lesionando nun brazo e nunha perna á auxiliar de policía con indicativo profesional P32 (acompáñase parte de lesións).

Que as portas do salón de plenos permaneceron pechadas con toda a corporación municipal dentro e público asistente entre as 20:50 horas e as 21:10 aproximadamente; intentouse en varias ocasións abrilas por parte dos policías actuantes, impedíndoo unha parte do público asistente.

Que seguidamente os veciños concentrados no salón de plenos, unha vez que se abren as portas saen do Concello sen maiores problemas, dirixíndose a eles un veciño identificado como Fernando, da Confraría (ampliaranse máis datos), en dúas ocasións no salón de plenos e nas escaleiras principais trasladando instruccións sobre como actuar.

Que durante os vinte minutos que permaneceron pechadas as portas do salón de plenos coa Corporación e público dentro corearonse varias consignas contra os grupos municipais de BNG, PSOE e PP, así como contra a Alcaldesa en particular. …//…

…//…

DENUNCIAS:

Que no momento en que o público permite abrir as portas do salón de plenos o Concelleiro de Benestar e Tenente de Alcalde, D. Óliver Álvarez Barranco, indicalle ao oficial asinante que identifique a MANUEL CAMAÑO FANDIÑO, xa que el observara como daba instruccións sobre a apertura e peche das portas do salón de plenos.

Que a Alcaldesa-Presidenta tamén denuncia que un veciño duns trinta e tantos anos, con nariz aguileña, gafas e barba de poucos días, colleuna por un brazo tentando zarandeála e deulle varios empuxóns. Ampliará a identificación xa que o coñece de outras ameazas.

Que o concelleiro, D. Oscar Graña García, denuncia que ao finalizar a sesión plenaria, e durante o peche das portas do salón de plenos, unha persoa, que identifica como TIAGO PEREZ, entre outras, impediulle sair agarrando a porta e poñéndose diante para non permitirlle o paso. O concelleiro pediulle que lle deixara sair, contestándolle “Non saides, de aquí non saides”.

Que a veciña de Cangas, MARÍA MENDUIÑA DURÁN, denuncia que foi obxecto de varias patadas dunha persoa que coñece, durante os altercados no salón de plenos. Indicaselle por parte da Policía que presente denuncia na Garda Civil de Cangas.


O que traslado para o seu coñecemento.


Cangas, a 26 de setembro de 2009.

Policía Local de Cangas

Asdo:// O Oficial


2,69/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: