Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"NIN UN PASO ATRÁS"

Xesús Vázquez considera "politizadas" as protestas dos pais nos colexios

Educación desaproba as mobilizacións da Confapa que tiveron lugar este martes fronte os centros galegos para denunciar os “recortes no ensino público”

Redacción - 13:20 29/09/2009

O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, asegurou que as concentracións convocadas pola Confederación Galega de Pais e Nais de Centros Públicos (Confapa-Galiza) para este martes “non se axusta a realidade” e están “politizadas”. Coa mobilización, celebrada ante os centros galegos, denunciaron “recortes” no ensino público e a supresión da gratuidade dos libros de texto.

Coincidindo coa visita que realizou ao colexio de San Francisco Xabier de A Coruña, Vázquez asegurou que “respecta a opinión de todas as organizacións”, pero remarcou que a convocatoria “non responde á realidade”, senón a un “movemento por parte de persoas militantes dun partido da oposición”. Virxilio Gantes, presidente de Confapa, desminte que estean “politizados” tal e como apuntou o conselleiro, e aseguran que son unha organización “suficientemente ampla como para ser nós mesmos”.

Vázquez negou tamén a existencia dun “recorte” no ensino público e, pola contra, sostivo que hai unha “gran achega” e “un apoio decidido” por parte do executivo á educación pública”. Deste xeito, atribuíu a “cuestións puntuais” ás denuncias sobre a falta de profesores de apoio para nenos con necesidades especiais e argumentou que a dotación de prazas está “moi por enriba” da normativa fixada polo anterior Goberno.

Comedores escolares

En canto á dotación de prazas de comedor escolar, admitiu a existencia deste déficit aínda que sostivo que “non é posíbel dar solución en catro ou cinco meses a un problema que vén de hai anos”. Virxilio Gantes, pola súa parte, asegurou que o comedor tamén “é un tramo educativo: que é comer, o comportamento na mesa, colaborar no servizo” e que hai xente que non está accedendo a el. Ademais, recorda que en Galiza hai unha alta porcentaxe de rapaces obesos.

Ao respecto, Vázquez avanzou a intención da Xunta de solicitar o “apoio” dos concellos e argumentou que a “obriga” de facilitar a conciliación da vida familiar e laboral “non é só da Consellaría de Educación”. Apunta que será preciso traballar con outras administracións e reiterou que o departamento xa iniciou contactos cos concellos afectados “para tratar de dar unha solución” á falta de prazas nos comedores escolares.

As "axudas" para os libros

Por outra parte, o conselleiro negou a existencia de atrasos na concesión de axudas para libros de texto. Así asegurou que a Xunta leva “día a día” estas solicitudes e afirmou que o pasado venres se deu a orde de pago a máis de 23 mil solicitudes. "Dende hoxe casi 30 mil persoas recibirán estas axudas”, sinalou ao tempo que isistiu en que “se están cumprindo os prazos debidos” e asegurou que nalgúns casos o tempo para o pago de axudas “está por debaixo dos 15 días”.

Pola súa banda, o presidente de Confapa asegura que dende o decreto aprobado no último goberno de Fraga os rapaces tiñan acceso gratuito aos libros. Agora, di, os pais dos alumnos de primeiro, segundo, quinto e sexto tiveron que pagar “primeiramente” para recibir os libros aínda que despois lle dean “as axudas”.

Mobilización

Desde a asociación pídenlle a Xunta que “recapacite no desmantelamento que está facendo” no eido da educación. Asegura que antes había casos puntuais de deficiencia pero que agora “hai unha inmensa maioría”. Gante recorda que cando se trata do sistema educativo non falamos de “gastos, senón de inversión”, xa que subliña que “é o herdo que deixamos”.


4.2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: