Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRISE SECTOR LÁCTEO

Cumio do leite en Bruxelas, sen grandes expectativas

Os ministros de Agricultura da UE xúntanse para estudar fórmulas que permitan unha maior intervención no mercado na procura dunha saída para o sector leiteiro.

Redacción - 11:05 05/10/2009

A crise do sector lácteo precisa solucións, mais tardan en chegar. Desta volta, é a Unión Europea, quen ante as presións dos gandeiros europeos en folga, convocou unha cimeira de urxencia na que se abordará a situación de crise leiteira. Este luns, os ministros de Agricultura reunidos en Bruxelas avaliarán as propostas de intervención no mercado a curto prazo e os termos dunha maior regulación a largo prazo.

Mentres, os produtores de leite europeos suspenderon a folga de distribución e substituírona por unha grande manifestación, que se celebrará no barrio europeo de Bruxelas, perante a sede do Consello da UE, onde se celebrará a xuntanza. Con todo, xa adiantaron que, se deste cumio non saen novas solucións e se acepta unha regulamentación máis flexíbel do sistema de cotas de produción, retomarán as súas mobilizacións e endurecerán as súas protestas.

Malia todo, non se agarda ningunha decisión importante desta reunión. Segundo transcendeu, a cita foi pensada como un foro para discutir e avaliar a situación e non irá máis alá dun intercambio de opinións sobre a última proposta presentada perante o Parlamento Europeo. É, polo tanto, improbábel que xorda ningún novo acordo, se ben a previsión é estabelecer datas concretas, a xeito de folla de ruta, para a futura toma de decisións.

Propostas a debate
A comisaria de Agricultura, Mariann Fischer Boel, defendeu na súa comparecencia na Eurocámara as últimas medidas adoptadas até hoxe pola EU e asegurou que a situación "comeza a mellorar". Entre as súas ideas para saír da crise, adiantou opcións como a creación dun "mercado de futuros" para os produtos lácteos, regular a relación contractual entre os produtores e a industria para un mellor equilibrio entre a oferta e a demanda e ofrecer máis facilidades aos gobernos para ampliar as axudas públicas aos gandeiros.

Asemade, pediu unha simplificación do procedemento de toma de decisións para o executivo comunitario que permita adoptar medidas "rápidas e temporais" en momentos de dificultade sen necesidade da aprobación do Consello.


4.5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: