Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MUNICIPAL

Silleda: crónica dunha moción de censura adiada

Logo de varios meses de negociacións máis ou menos veladas, a ex-socialista Ofelia Rei converterase na nova alcaldesa co apoio dos até agora edís populares.

Isabel G. Couso - 18:40 06/10/2009

Era un segredo a voces. Tanto que o propio portavoz municipal do PP, Xosé Fernández Vieitez, xa lle quitaba ferro ao asunto hai quince días en Vieiros adiantando que unha moción de censura non conculcaría o pacto antitransfuguismo. Mais a lea política xerada no Estado Español ao fío da moción de censura de Benidorm e a presenza de Mariano Rajoy hai dúas semanas no recinto da Semana Verde para celebrar un acto de partido fixo que a anunciada moción se adiase no tempo.

As cartas están repartidas: o concelleiro do PP, Xabier Presas e a edil non adscrita (ex do PSdeG), Ofelia Rei, presentaron a petición de celebración dun pleno municipal dándolle forma á devandita moción contra a alcaldesa socialista, Paula Fernández Pena. O documento está asinado, ademais, polos concelleiros Xabier Cuíña (non adscrito, ex-líder de Candidatura Independente por Silleda -CIS- e con contactos anteriores co PPdeG), Xosé Fernández Vieitez (ex alcalde popular) e os edís do PP, Eva Lojo, Alexandre Vidueiros e María Concepción Vázquez. A proposta presenta como candidata á alcaldía a Ofelia Rei.

As quinielas políticas apuntan a un goberno xa decidido no que ademais da alcaldesa tería adicación exclusiva Xabier Presas como concelleiro de Obras. A seguir, a tenente de alcalde sería Eva Anojo e, pola súa parte, Xabier Cuíña ostentaría outra concellería de menor relevancia, ao igual que o ex alcalde, Fernández Viéitez (PP), quen tería renunciado a ser unha cabeza visíbel de toda esta operación.

Para o PSdeG: Vendeta política e ansia de poder
Para a actual alcaldesa de Silleda, a socialista Paula Fernández, este movemento obedece a unha "simple cuestión de intereses persoais" e de "ansia de poder". Na súa opinión, este xiro atende a un interese de Xabier Cuíña de "querer manexar o goberno na sombra", para o que colocaría a "unha marioneta". De tal xeito cualifica a Ofelia Rei: "foi segunda tenente de alcaldía e concelleira de Facenda no noso goberno e demostrou que non sabía nin o que tiña que facer: nunca quixo asumir a súa responsabilidade nin formou parte das accións de goberno". Para Paula Fernández, as motivacións de quen probabelmente a substitúa no cargo non son máis que "o odio que me profesa e a ignorancia, que é atrevida", explica.

Doutra banda, Fernández pon o acento no feito de que Cuíña e Fernández Viéitez asinen conxuntamente a moción, cando son "persoas antagónicas e enfrontadas". Ao ex-alcalde acúsao de "non aceptar a derrota electoral nas últimas municipais" e de desexarlle o peor. De Cuíña recorda que "provén dun grupo de escindidos do PP cando o ex-presidente popular de Pontevedra, Xosé Cuíña, escolleu a Viéitez no canto de a el; traballou por botalo da alcaldía e agora asina con el a moción de censura, iso dá a mostra de até que punto isto é unha cuestión de loita polo poder", asegura.

Para a futura alcaldesa: Inestabilidade e prepotencia
Loxicamente as cousas vense diferente dende as ringleiras dos que propoñen a moción. Ofelia Rei, futura alcaldesa, entende que esta era unha decisión necesaria logo da "situación caótica" que explica que se estaba a vivir no concello dezao, unha "inestabilidade", que atribúe á "prepotencia" e "carencia total de talante e diálogo" de Paula Fernández.

Con todo, Rei evita contestar ás preguntas "mentres non se decida a moción", que se debaterá o vindeiro 19 de outubro. Remítenos a un comunicado conxunto no que se denuncia a "situación de ingobernabilidade", a "nefasta xestión de recursos" no municipio ou o afastamento do grupo de goberno das demais institucións, como a Xunta, a Deputación ou o Estado.

Transfuguismo a debate
Silleda convértese así no sexto concello que mudará de rexedor nesta lexislatura (logo de Santa Comba, Trives, Mos, Abegondo e Gondomar). Logo dos avisos da cúpula popular nos que adiantaba, con reservas, que non apoiaba este movemento, os edís que conculcan o goberno decidiron "unanimemente solicitar a suspensión de militancia" e deixan claro no escrito que "a responsabilidade de tal decisión é unicamente dos concelleiros electos quedando o Partido Popular á marxe". Tamén a dirección do PP se adiantou a rexeitar a moción asegurando que "nin xustifica nin avala este tipo de movementos".

Con todo, dende o PSdeG, Fernández asegura que o presidente da Deputación de Pontevedra e líder do partido na provincia, Rafael Louzán, "é un dos artífices". Ademais apunta a que "Feijoo tamén coñecía todo o tema, por moito que traten de desmentilo".


3,75/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: