Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Malia o grave impacto en espazo protexido

Os votos de PSOE e PP manteñen o convite a novos furados hidroeléctricos no Miño e no Sil

A iniciativa que o BNG quería sacar adiante no Senado reclamaba a paralización cautelar das concesións na conca do Miño-Sil.

Redacción - 12:25 07/10/2009

(Actualizada 18h30)

O valor medioambiental e paisaxístico da Ribeira Sacra foi destacado este mércores na Cámara Alta polo senador ourensán Xosé Manuel Pérez Bouza (BNG), quen se laiou da excesiva presión que soporta a zona pola existencia de máis de 70 aproveitamentos hidroeléctricos, varios deles encoros de gran tamaño no mesmo corazón desta área natural. Recordou Pérez Bouza que a Ribeira Sacra está integrada na Rede Natura e ten zonas protexidas baixo a denominación Lugar de Interese Comunitario, estando propostas para Patrimonio Natural da Humanidade. Por todo isto, cualificou o senador galego de "moi razoábel" a moción coa que pedía o BNG que no futuro non haxa máis proxectos hidroeléctricos na zona.

Mais os argumentos non conmoveron os bancos maioritarios do Senado, desde onde PSOE e PP votaron en contra da proposta, que si foi apoiada polo resto de grupos. Logo do rexeitamento, Pérez Bouza cargou especialmente contra os senadores ourensáns de PP e PSOE, encargados de xustificar o voto contrario. "Resulta sorprendente que se neguen a apoiar unha moción con catro puntos, dous deles aprobados no Parlamento galego e no Congreso dos Deputados, e agora parece que non poden votar non se sabe debido a que intereses", denunciou Bouza.

Crítica a Iberdrola
A moción propoñía tamén a apertura dun expediente informativo a Iberdrola polas obras realizadas o pasado mes de xullo no proxecto de Santo Estevo II "xa que puido incumprir a normativa medioambiental e os termos legais", expuxo o senador do Bloque. Recordou Xosé Manuel Pérez Bouza que chegaron a secar a canle do río, pasando por riba con maquinaria pesada e lembrou que as respectivas denuncias presentadas ante a Fiscalía por colectivos ecoloxistas e polo propio BNG foron admitidas a trámite.

Bouza queixouse de que a Confederación Hidrográfica non actuase neste caso, xustificando que a empresa tiña permiso. "Unha cousa é ter permiso e outra pensar que se ten un cheque en branco para facer o que se queira", censurou. Á vez, insistiu na necesidade de frear un feixe de proxectos que están en fase de tramitación e que ameazan "grave impacto" para o Miño e o Sil.

Fidalgo retruca que "a demagoxia nunca é de esquerdas"
Ao respecto deste debate na Cámara Alta, o senador ourensán Miguel Fidalgo (PSOE) xustificou que o Plan Hidrolóxico da bacía Miño-Sil será "o instrumento axeitado para estudar os aproveitamentos hidroeléctricos". Fidalgo cualificou de "medidas sen rigor" os informes propostos polo BNG.

"A proposta realizada durante o debate da moción non é razoábel, rigorosa, nin lóxica e por sentido da responsabilidade que temos como partido de goberno, non podemos apoiar esta proposta", argumentou. Insistiu o senador socialista en que o citado Plan Hidrolóxico, en proceso de elaboración, será a ferramenta a través da cal se determine a necesidade ou de novos proxectos hidroeléctricos na zona. De paso, e ao respecto das críticas concretas aos senadores de orixe ourensán que votaron en contra da iniciativa do BNG, Fidalgo comentou que "a demagoxia nunca é de esquerdas".


4.8/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: