Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CAMBIOS DE ASENTO

U-lo respecto ao Pacto Antitransfuguismo?

Mocións de censura como a de Silleda, pero tamén as de Gondomar, Mos, Trives ou Abegondo demostran que aquel histórico acordo non é máis que papel mollado.

Isabel G. Couso - 09:00 08/10/2009

"O Partido Popular respecta o pacto, a súa letra e o seu espírito". O que fala é o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, desautorizando a moción de censura que ven de producirse en Silleda e escudándose no feito de que os cinco concelleiros de ascendencia popular que iniciaron os pasos para mudar o grupo de goberno xa se deron de baixa do partido. En efecto, os edís xa non son do PP, mais si se lles pode aplicar un cualificativo que se fixo ben común nesta lexislatura: o de tránsfuga.

O termo, que é aplicábel ás seis mocións de censura que levamos en Galiza (véxase Santa Comba, Trives, Mos, Abegondo, Gondomar e Silleda), apela a uns dubidosos intereses e a ninguén se lle escapa que, na meirande parte dos casos, ademais da pugna política obedece a cuestións ilegais, inconfesábeis cando menos e socialmente inaceptábeis.

Contra estas traizóns, os grandes partidos asinaron hai cousa de seis anos o chamado Pacto Antitransfuguismo. Entre os puntos acordados no marco deste documento atópanse cuestións como o paso á categoría de concelleiros non adscritos daqueles que non se sumen aos grupos polos que foron elixidos; o consenso en que os partidos non presentarán como candidatos en futuras eleccións a cargos públicos que tivesen un comportamento deste tipo; ou a coherencia de non colaborar cos tránsfugas doutras formacións para forzar un cambio de poder. En suma, un papel mollado, que se conculca a acotío en canto a ocasión o merece.

Pontevedra e Louzán
A falta de ver como remata a moción de censura en Silleda, onde previsibelmente a nova alcaldesa será a ex-socialista Ofelia Rei, co apoio dos desertores populares, a provincia de Pontevedra está a ser a que máis se aventura polo camiño das mudanzas de goberno en base a cambios de asento político. Tal é así que mesmo algúns como o socialista Manuel Vázquez ou o nacionalista Guillerme Vázquez apuntan a unha considerábel implicación do presidente provincial do PP, Rafael Louzán, nestes movementos.

No caso de Gondomar, por exemplo, o Partido Popular recuperou a alcaldía co apoio de catro tránsfugas socialistas. Neste episodio, foron expulsados polo PSdeG. Con todo, apoiándose nos seus votos, o popular Martín Urgal arrebatoulle a alcaldía ao nacionalista Xosé Antón Arauxo.

Se falamos de Mos, a nova alcaldesa, a popular Nidia Arévalo, chegou ao goberno grazas ao apoio dun tránsfuga socialista (Xerardo Alonso) botando do poder á anterior rexedora, María Xesús Escudero (PSdeG). Tamén neste concello, o socialista viuse obrigado a abandonar o partido polo que foi escollido, mais os edís populares, que colleron as rendas do goberno municipal non renderon contas por asentar o executivo local nun tránsfuga. A día de hoxe, seguen militando no Partido Popular.

Abegondo, Trives e Santa Comba
En Abegondo, o ex-alcalde popular, Xosé Antonio Santiso Miramontes, recuperou o bastón de mando ao prosperar outra moción de censura contra o rexedor Xoan Xosé Rocha (independente escindido do PP) grazas aos seis votos dos concelleiros elixidos na lista do PP sumados ao único concelleiro que fora elixido polo PSdeG. Este último foi declarado tránsfuga polo partido, mais os populares seguen militando no PPdeG.

En Trives, o popular Luis Álvarez recuperou a alcaldía co apoio de dous concelleiros tránsfugas do PSdeG, cos que presentou outra moción de censura. Neste caso, os socialistas tamén foron apartados do seu partido. No caso dos populares, foi a única vez na que se iniciou un expediente de expulsión, se ben foi a instancias de Madrid e logo da xuntanza do Pacto Antitransfuguismo. Con todo, este expediente está aínda por resolver.

Finalmente, en febreiro do ano pasado presentárase a primeira moción da lexislatura en Santa Comba. Neste caso, Xosé Antonio Ucha, alcalde socialista foi apartado do cargo e sucedido polo independente Miguel Pérez, cos votos de sete dos oito concelleiros do PP e outros dous de independentes. Neste caso, a única a quen se lle abriu un expediente de expulsión foi a María Xosé Ares (PP), quen non quixo respetar a disciplina de partido e apoiar ao alcalde independente.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Carlos Silva (PP) recuperou a alcaldía de Gondomar co apoio de catro tránsfugas socialistas
Carlos Silva (PP) recuperou a alcaldía de Gondomar co apoio de catro tránsfugas socialistas
Luis Álvarez (PP) tamén recuperou a alcaldía co apoio de dous concelleiros tránsfugas do PSdeG
Luis Álvarez (PP) tamén recuperou a alcaldía co apoio de dous concelleiros tránsfugas do PSdeG
Ofelia Rei (ex socialista) será alcaldesa co apoio de tránsfugas populares
Ofelia Rei (ex socialista) será alcaldesa co apoio de tránsfugas populares