Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Iolanda Díaz reelecta á fronte de EU

"Centrarémonos no conflito capital-traballo, no feminismo e no ecoloxismo"

"A renovación, enmarcada na que se está a dar a nivel estatal, é política. Vai máis alá da orgánica", afirma a coordinadora nacional nesta conversa.

Fernando Arrizado - 09:00 08/10/2009

Esquerda Unida (EU) renovou a súa dirección na X Asemblea Nacional da formación, organizada o pasado sábado en Compostela. Iolanda Díaz, coordinadora reelecta por outros tres anos, aténdenos telefonicamente desde Madrid, onde participa no V Encontro de Mulleres Líderes Iberoamericanas.

Desde EU consideran que a xestión do Goberno bipartito de PSdeG e BNG "foi negativa" e que "defraudou" a xente de esquerda, á que se ofrecen como alternativa. Ademais, cualifican o PPdeG de formación política "virulenta" e exíxenlle a Feijoo un plan urxente de cobertura para parados e persoas sen prestación social. Tamén, seguen a reclamar unha modificación da Lei Electoral.

Vieiros: Que mudanzas hai na nova dirección nacional con respecto á anterior?
Iolanda Díaz
: Case todas as persoas que a conforman son novas e ademais proveñen de ámbitos diversos: do sindicalismo, do feminismo, do ecoloxismo. Agora estamos á espera de que se reúna o Consello Político Nacional, posibelmente xa a semana que vén, que terá que aprobar a proposta.

E a nivel do discurso, cales serán as liñas a seguir nesta nova xeira?

Os contidos como é lóxico estarán inseridos no cambio político que se produciu na Xunta, mais sen esquecer que as faccións socialdemócratas do Goberno bipartito non quixeron mudar o sistema neoliberal imperante no país. Centrarémonos sobre todo no conflito capital-traballo existente no país, e tamén cun discurso feminista e ecoloxista, nun país como Galiza onde se leva a cabo unha política depredadora sobre o medio.

Un punto e aparte con respecto aos últimos tres anos ...?

O proceso de renovación nacional en Galiza está enmarcado no que se está a producir a nivel federal no conxunto do Estado. Unha renovación política, máis alá da orgánica, en cumprimento do mandato que se nos deu na IX Asemblea Federal. Son tempos novos. Fixemos autocrítica e concluímos que non estabamos a acertar co discurso, que as ferramentas para facelo chegar non eran as axeitadas.

A propósito da autocrítica, hai quen considera que esta non foi tal e acúsana directamente de deixar sen voz na dirección nacional os menos afíns cos seus postulados?

Os feitos están aí, só houbo nove votos en contra. Cando un ten críticas que facer o que ten é que plasmalas, e nesta Asemblea non se presentou nin un texto alternativo nin ningunha outra alternativa, algo que non pasaba en Galiza desde os tempos de Geluco Guerreiro (Anxo Guerreiro, ex coordinador xeral de EU).


Ligazóns

4.43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: