Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Piden unha auditoría da Federación de Caza

Organizacións ecoloxistas propoñen gravar as actividades dos cazadores

Presentan a Coordinadora para a Protección da Fauna Salvaxe, unha plataforma que agrupa varias asociacións en defensa dos animais.

Fernando Arrizado - 09:00 08/10/2009

A Coordinadora para a Protección da Fauna Salvaxe nace como grupo de presión para que a Administración faga cumprir a lexislación no referente aos dereitos dos animais que viven en espazos silvestres, especialmente ameazados pola actividade cinexética.

Unha das súas primeiras iniciativas é a de solicitar formalmente que a Federación Galega de Caza (FGC) sexa obxecto dunha "auditoría exhaustiva". A Secretaría Xeral para o Deporte, durante o Goberno bipartito, iniciara unha análise das contas de todas as federación deportivas do país que tiña previsto rematar nesta lexislatura.

"O que queremos é reforzar coa nosa petición a propia proposta da Xunta", comenta Rubén Pérez Sueiras, un dos voceiros da nova Coordinadora. "É importante saber como se xestiona o diñeiro público que vai á Federación: por exemplo, cantos cartos dos comprometidos van para repoboamento de animais. Unha actividade que por outra parte deberían facer os ecoloxistas", apunta.

Precisamente, este mesmo martes, a Consellaría de Medio Rural asinaba dous convenios de colaboración, un coa FGC e outro coa Asociación de Propietarios Rurais e Produtores de Caza (Aproca), para "promover o asesoramento técnico e xurídico aos cazadores", "asegurar a supervivencia de especies cinexéticas en dificultades" e "divulgar o fomento desta actividade", informan desde a Xunta.

O voceiro da Coordinadora critica, ao respecto da supervivencia das especies cinexéticas ameazadas, que sexan os propios cazadores a través da Federación os que realizan os censos de animais como o raposo. As asociacións ecoloxistas consideran que as cifras se inflan para poder argumentar que as batidas ou ben son necesaria ou ben non son nocivas.

Pérez Sueiras pon en dúbida a fiabilidade destes estudos pagados pola FGC, ou a posíbel obxectividade de órganos como o Consello Galego de Caza, onde "os membros máis próximos ás teses do ecoloxismo son dous de 13", quéixase. Unha solución, di, sería que "como mínimo" fosen mixtos. É dicir, que ademais dos cazadores tamén estivesen representados equitativamente as organizacións ambientais e as universidades.

'Hunt monitor'

Outra proposta da Coordinadora é crear un hunt monitor ('observatorio de caza'). A experiencia, novidosa no noso país mais que leva arredor de tres lustros funcionando no Reino Unido, consistiría na creación dun corpo encargado de vixiar e gravar as accións dos cazadores. Malia que pode parecer perigoso, Pérez Sueiras asegura que a priori non o é xa que a toma de imaxes se realiza desde camiños e lugares onde non está permitida a actividade cinexética.

No caso británico é unha iniciativa privada que xestiona a League Against Cruel Sports ('Liga contra os deportes crueis'). Porén, en Galiza, o obxectivo primeiro é que sexa a Xunta quen se responsabilice de a desenvolver.

A Coordinadora para a Protección da Fauna Salvaxe, presentada este martes en Compostela, confórmana as asociacións e colectivos ecoloxistas Adega, Amigos da Terra, Matar por Matar Non, Libera! e a protectora de animais Abeiro, que incide no trato que tamén sofren os cans de caza.


4,68/5 (19 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: