Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Este domingo comeza a tempada de caza

"A min non me quitan do monte catro matóns"

O pasado 17 de setembro, o portavoz de 'Matar por Matar, Non', Xulio Fernández, recibiu unha malleira por parte de varios cazadores que cualifican de "agresiva" a súa actitude.

Fernando Arrizado - 13:10 16/10/2009

"Levo pateado moito monte desde cativo, comigo non vale a leria de que son urbanita, que non coñezo o campo. Os urbanitas son eles, que veñen cazar cos todoterreos a zonas ilegais". O pasado 17 de setembro, o portavoz de 'Matar por Matar, Non' puxo a súa enésima denuncia dentro da loita que este colectivo mantén cos cazadores galegos que "descoñecen a lexislación".

Porén, desta volta, a demanda de Xulio Fernández na comandancia da Garda Civil foi acompañada dun parte médico de lesións. "Déronme cun pau na cabeza e pateáronme a cara entre catro", asegura este veciño de Vilamoure (Punxín, O Carballiño) que se nega a ficar na casa os días de caza "porque estou no meu dereito" e "porque a min non me quitan do monte catro matóns".

Paradoxalmente, os cazadores do Tecor OU-10.105 San Trocado e Cidade anunciaron esta semana a súa intención de enviar un escrito á subdelegación do goberno español en Galiza "para informar sobre a conduta" de Xulio Fernández, que cualifican de "agresiva", e co obxectivo de "que se estabeleza unha vixilancia no monte a partir do próximo domingo", día en que comeza a tempada de caza.

Din estar "preocupados" polos posíbeis problemas que poidan xurdir, xa que Fernández -que tamén foi denunciado por agresións logo da 'pelexa' do 17 de setembro- e outros veciños teñen leiras da súa propiedade fisicamente dentro do coto, mais segregadas oficialmente do mesmo desde hai anos. Os cazadores, aínda que foron informados directamente pola Xunta da superficie destas, argumentan que a súa sinalización non está clara. Unha apreciación "falsa", segundo o voceiro de 'Matar por Matar, Non', que se alegra no entanto destas declaracións, porque se evidencia que están a facer batidas en espazos protexidos.

"Saben perfectamente que alí non se pode cazar. Puxemos até tres e catro sinais. Mais con esta xente non se pode razoar. Ameázante con que igual un día se lles escapa un tiro e que xa pagará o seguro; din que a eles ninguén lles prohibe cazar en ningures e que teñen amigos na delegación, que nos lles importan as multas", sostén. Algúns xa foron sancionados en varias ocasións -aínda que con contías baixas- por "ameazas", "actuacións perigosas" e "violacións da Lei de Caza".

Mostra desta actitude son as declaracións realizadas polo presidente do Tecor, Severino Soto Álvarez, á cadea de radio COPE, advertindo de que se non se valaban os terreos segregados os seu 150 socios cazarían neles igualmente. O certo é que a lexislación, ao igual que ocorre cos cotos de caza, non obriga a cercalos se o propietario non quere. E Fernández e o resto dos veciños non queren.

Porén, o voceiro de 'Matar por Matar, Non' di con retranca que non pode estar máis de acordo co desexo expresado polos cazadores de que se "estabeleza unha vixilancia". "Nós levámola pedindo desde hai catro anos. Non tiñan que vir máis que os dous primeiros días e estes matóns xa non volvían, porque non son quen de cazar legalmente. Os que atenden á lei xa non veñen porque saben que non poden matar animais en Refuxios de Fauna".

Falla de respecto polas zonas e distancias de seguridade

Mais, que significa "cazar legalmente"? Ademais de facer batidas en espazos protexidos outro dos incumprimentos habituais da Lei de Caza, denuncian as asociacións ecoloxistas galegas, é que non se respectan as zonas e as distancias de seguridade estabelecidas. Por exemplo, non se pode cazar a menos de 50 metros dunha estrada, sempre de costas a ela, nin a 100 metros dos núcleos de poboación ou 200 dunha concentración de persoas.

A realidade é outra. Un grupo de cazadores acosa con cans as presas desde o alto dos montes, e outro abaixo nas pistas, onde non hai vexetación, disparan. En moitas ocasións as batidas chegan até as portas das casas. Porén, aínda que as infraccións son abundantes e facilmente comprobábeis por calquera, non o son tanto para os gardas forestais, principalmente, porque en raras ocasións se ven polo monte e moito menos nas cacerías. Proba disto é que a Xunta nin sequera publica unha listaxe das faltas rexistradas, ou dos controis de alcolemia a cazadores.

No caso da zona do Carballiño e das comarcas lindeiras, é o Seprona, o Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil, "o único que lle trata de pór freo aos abusos dos cazadores", segundo afirma Xulio Fernández. "O problema -di- é que hai unha parella para 20 concellos"

A todo isto súmase que as distancias de seguridade estabelecidas por lei están calculadas para escopetas, que alcanzan uns 80 metros, cando na actualidade moitas das batidas de xabaríns están a ser realizadas con fusís que poden chegar aos tres quilómetros. Como di o voceiro de 'Matar por Matar, Non', aquí en Galiza "disparas unha bala desas e atravesas tres aldeas".


4,86/5 (36 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os cans morden un xabarín, cazado a menos de 50 metros da estrada / Foto: matarpormatarnon.org
Os cans morden un xabarín, cazado a menos de 50 metros da estrada / Foto: matarpormatarnon.org
Os cazadores aparcan o coche e recollen a presa / Foto: matarpormatarnon.org
Os cazadores aparcan o coche e recollen a presa / Foto: matarpormatarnon.org