Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Polémica informativa

Ceses e dimisións na ETB polo tratamento das detencións de políticos abertzales

Dúas editoras da televisión vasca foron destituídas. Consecuencia das "depuracións", a xefa de Política presentou a súa dimisión.

Redacción - 13:30 19/10/2009

A detención recente de varios representantes políticos da esquerda abertzale axitou a situación interna dos medios públicos en Euskadi. O Deia faise eco este luns do acontecido nos servizos informativos da canle pública Euskal Telebista, onde a dirección do ente lle comunicou a dúas editoras a súa destitución inmediata alegando "perda de confianza" no labor desempeñado por estas nos últimos anos.

Recordan desde o diario que as xornalistas agora cesadas participaran no paso dos seus respectivos espazos televisivos ao liderado da audiencia en Euskadi. Ao fío, as fontes consultadas por Deia sinalan que a decisión está directamente vencellada ao tratamento informativo ofrecido en noticias de tema político nos informativos Gaur Egun e Teleberri. De xeito especial, subliñan a emisión dun vídeo onde se ofrecen as reaccións, maioritariamente contrarias, á detención, entre outros, de Arnaldo Otegi e Rafael Díez de Usabiaga. Debulla o xornal vasco que a destitución destas xornalistas non é un feito illado, senón que forma parte dun conxunto de "decisións pouco ortodoxas" acontecidas nos catro meses de actuación da nova dirección da EITB e que "axudan a entender a depuración das tres editoras de informativos". Falan ao respecto do impedimento para a emisión de imaxes e declaracións de personalidades políticas ou da manipulación de textos de xornalistas e presentadores por parte de persoas alleas aos propios responsábeis de edición.

Recomendámoslles ampliar en Deia: EITB destitúe dúas editoras de informativos polo tratamento da detención de Otegi.


4.2/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: