Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Coa billa pública pechada para o sector

Medio Rural mantén o rexeitamento ao proxecto leiteiro das cooperativas

O conselleiro Juárez segue sen ver "clara" a iniciativa para a planta de Outeiro de Rei. Gandeiros galegos participan este luns en Luxemburgo nas mobilizacións do sector.

Redacción - 14:00 19/10/2009

A Xunta non moverá peza en favor da iniciativa das cooperativas leiteiras do país para a recuperación da planta de Leche Pascual na localidade luguesa de Outeiro de Rei. O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, admitiu que dous grupos cooperativos trasladáronlle xa oficialmente a proposta ao Goberno, solicitando do seu apoio no proceso, mais subliñou que a día de hoxe non ve "clara" a viabilidade do proxecto empresarial.

Argumentou o conselleiro esta fin de semana que a administración recibiu unha proposta para "un proxecto de envasado de marca branca no que falta un plan de negocio claro, onde non queda claro tampouco que exista ningún tipo de acordo con algunha distribuidora". "Os recursos son moi reducidos e basicamente estáselle pedindo á Xunta que corra co risco ela soa, o cal non é moi razoábel", xustificou Samuel Juárez.

"Isto á fin e o cabo é un proxecto privado, por moito que teña base cooperativa, e non ten sentido ningún atender a un proxecto que non teña certos visos de viabilidade", afirmou o conselleiro. Desde a oposición, socialistas e nacionalistas subliñaran o pequeno esforzo económico que implicaría para o Goberno colaborar coa iniciativa das cooperativas, comparativamente menor a inxeccións económicas que o actual executivo realizou para proxectos como o dunha queixería de Valladolid. Ao respecto, declarou en referencia a esas críticas que "esa non é a forma de traballar desta Xunta, de comprometer recursos públicos en proxectos que non están claros". Así e todo, hai que lembrar que o conselleiro adoptara desde hai meses unha posición crítica sobre o posíbel grupo lácteo, indicando que non tería un apoio especial senón "o de calquera outro sector" e agoirando que o Goberno non apoiaría o proceso por non querer resultar "intervencionista".

Mobilización en Bruxelas
Contámoslles de paso que coincidindo co consello de ministros que este luns se celebra en Luxemburgo para tratar o tema do leite, a comisaria europea de Agricultura, Marianne Fischer Boel, confirmou que a Eurocomisión fixará 280 millóns de euros para os produtores leiteiros, a disposición do sector de xeito urxente e para afrouxar a situación derivada da caída de prezos no curto prazo. Queda por ver, e será unha das cuestións a debate, como se distribuirá este fondo.

Coincidindo coa xuntanza, gandeiros galegos vencellados ao Sindicato Labrego Galego (SLG), desprazáronse a Luxemburgo. Acompañados pola responsábel do sector no SLG, Lupe Prado, participaron na mobilización convocada polas organizacións que forman parte da Coordinadora Europea Vía Campesiña. "Esiximos responsabilidade política para podermos vivir do noso traballo", subliñan desde o SLG.

Doutra banda, este luns, a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), entregou na delegación do goberno español en Galiza un documento que resume as reivindicacións do sector leiteiro. Á beira, os gandeiros adxuntaron recibos de cobro do leite do último mes pertencentes a diversas empresas.


1.8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: