Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
REVOLTA NO CONSORCIO GALEGO DE SERVIZOS DE IGUALDADE

As oficinas I+B estudan denunciar a secretaria xeral de Benestar por dicir que entraron "a dedo"

A pesar da existencia de concursos públicos, Susana López Abella asegurou no Parlamento que o bipartito non fixera ningún proceso de selección de persoal.

R.V. - 10:30 26/10/2009

Os 104 traballadores e traballadoras das oficinas de Igualdade e Benestar ficaron estupefactos o sábado. Diferentes xornais do país recollían en grandes titulares unhas declaracións da secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, nas que aseguraba que este persoal contratado polo bipartito fora “elixido a dedo” sen que mediase concurso público. A alto cargo "popular" chegou a afirmar en comisión parlamentaria celebrada o pasado venres que as oficinas I+B eran unha “axencia de colocación de militantes” do BNG.

As máis que polémicas declaracións da alto cargo da Xunta obviaban deliberadamente que a práctica totalidade dos traballadores (agás 17 que entraron por listas de agarda) superaron procesos selectivos que foron publicados no seu día no DOG e anunciados na propia páxina do Consorcio, algo que non se reflectiu nin no debate político nin nas  informacións que o recolleron.

Algúns traballadores das oficinas I+B consultados por Vieiros xa amosaron o seu profundo malestar coas declaracións da secretaria xeral que consideran que atentan gravemente contra a súa dignidade laboral e que son susceptíbeis de querela xudicial. De feito, valoran presentar nas vindeiras semanas unha demanda por difamación contra a secretaria xeral e iniciar mobilizacións de inmediato.

Os procesos de selección de persoal que, segundo López Abella, “nunca existiron”

Os 104 traballadores das oficinas I+B están repartidos en catro áreas de traballo de ámbito comarcal: Plan Galego de Inclusión Social (57 traballadores); Plan de Igualdade (18); Plan de Apoio ás Familias (12); e Plan de Galego de Infancia e Adolescencia (17).

-Plan Galego de Inclusión: o proceso de selección foi convocado no DOG (20/042007) e rexeuse polas bases dun concurso oposición (20 puntos de exame, 14 de méritos e seis de entrevista persoal)

-Plan de Igualdade: Publicidade no DOG (24/10/2007) e bases para os aspirantes (dous exames sen entrevista)

-Plan de Apoio ás Familias: Publicidade no DOG (24/10/2007) e bases (dúas probas escritas sen entrevista)

-Plan de Infancia e Adolescencia: Os 17 traballadores deste plan foron chamados pola orde que establecían en 2008 as listaxes públicas de agarda.

Fronte ao modelo comarcal, volta ao vello sistema?
Na súa comparecencia parlamentaria, López Abella criticou duramente o modelo que no seu día puxo en marcha Vicepresidencia. Para o PPdeG, o modelo comarcal consorciado deseñado polo bipartito “non tivo en conta os concellos”. A secretaria xeral poñía no ar o futuro das oficinas I+B e dos seus traballadores. Porén, 74 das 104 prazas actuais (Plan de Inclusión Social e Plan de Infancia) están sufragadas en boa parte con fondos europeos, aos que non semella probábel que estea disposto a renunciar o Goberno.

Máis difícil semella a continuidade dos 30 traballadores dos plans de Igualdade e de Apoio ás Familias. Dende o PPdeG prefiren volver apostar exclusivamente polo anterior modelo dos CIM (Centro de información á Muller). Estas oficinas, de carácter municipal e non comarcal, contan con subvencións da Xunta para pagar parte do servizo. Porén, son os propios consistorios os que deciden as formas de acceso do persoal.


4.85/5 (33 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: