Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Ese é o espirito que todos levan no seu interior

NAUJA, o espírito dos mares

Os sons do vento, a maxestosidade das illas, as sensacións de sucar o océano impulsados pola mesma enerxía coa que o facían os nosos avós, e os avós dos nosos avós... Todo isto e moito mais é o Nauja, veleiro de case un século de idade que tenta cos seus programas achegar a realidade medioambiental e mariñeira galega a todas e todos os participantes que desexen compartir unhas horas de mar entre as súas velas.

CEMMA - 15:00 24/10/2009

80 anos de historia
No 1928 comezou nos estaleiros de Frederiskssund (Dinamarca) a construción dun veleiro de dous paus e de 24 metros de eslora que estaba destinado a formar parte da flota pesqueira das illas Feroe. A botadura do Nauja (gaivota en Grenlandés) realizouse en 1930, configurándose como un buque robusto pero á súa vez áxil sobre as ondas, cunha alta regala para poder traballar sobre el con seguridade e cun amplo espazo na súa adega co fin de almacenar o peixe, obxecto da súa construción. Sen embargo atopamos nestas datas o primeiro gran cambio de rumbo na singradura do Nauja. Realmente nunca chegou a viaxar as illas Feroe, senón que foi adquirido polo Ministerio de Defensa Marítima de Dinamarca para realizar labores de inspección na costa danesa.

A súa inclusión na Mariña durou 26 anos, facendo un paréntese durante a 2ª Guerra Mundial, onde vixiou as costas de Grenlandia como patrulleiro. A este duro período corresponde as perdas dos barcos xemelgos do Nauja, que foron afundidos polos nazis durante o transcurso da invasión. No ano 1958, un novo cambio de rumbo a pareceu na vida do noso navío, sendo vendido á Cámara Real de Comercio Grenlandesa, como barco de transporte.

Unha nova vida orientada cara a conservación
A noite dos tempos cae sobre a historia do navío ata que reaparece no ano 1999 nas costas do Mediterráneo, esta vez con bandeira británica. Dentro dunha operación antidroga que viña xestándose dende meses atrás, o barco foi capturado con droga e decomisado polas forzas de Seguridade do Estado. O barco foi solicitado ao xuíz pola Sociedade Española de Cetáceos, co obxectivo da súa restauración e así poder realizar campañas de investigación e educación ambiental, así foi cedido en uso e custodia desenvolvendo a súa labor no Mar de Alborán.

Recuperado para a navegación no ano 2001 e desenvolvendo todas esas actividades ambientais, no ano 2002 iniciouse o proceso legal pasando como ben decomisado ao Plan Nacional para a Droga e rematando coa poxa do navío. Tendo a intención de manter o barco en labores medioambientais e de conservación da natureza as entidades ambientais SEC, a CEMMA (Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños) e a empresa ACQUAVISION GALICIA conxuntaron os seus esforzos para recuperar a embarcación e esta empresa adquiriu o Nauja, traéndoo ata Galicia co fin de ter a posibilidade de continuar a súa singradura medioambiental.

Dende o ano 2002, o Nauja converteuse na plataforma da investigación e interpretación das Rías e mares galegos, exercendo dende entón como buque insignia da conservación do litoral do noso País, da man da CEMMA.

O presente do Nauja
Actualmente, o Nauja desenvolve as súas actividades dentro de dous ámbitos ben definidos: a investigación científica e a educación medioambiental. Dentro das actividades de investigación, é importante a vinculación coa CEMMA, ONG adicada ao estudo das tartarugas e mamíferos mariños das nosas costas.

A recuperación de especies mariñas e ecosistemas é outro dos obxectivos das actividades do Nauja. Por unha banda a CEMMA coa súa Rede de Asistencia a Varamentos presta axuda a cetáceos e tartarugas que así o precisen ou que se atopen en situación de perigo para a súa supervivencia. Despois de ser prestada a asistencia veterinaria correspondente, moitas das veces prolongada nas instalacións do Acuario do Grove, o animal é devolto ao seu medio, servindo o Nauja como plataforma para a súa volta a casa. Moitas tartarugas mariñas iniciaron unha segunda viaxe vital dende este navío, bastión da defensa da vida e da biodiversidade.

Por outra banda a educación ambiental e o outro alicerce das actividades do Nauja. Cun volume de visitantes que se supera actividade tras actividade, tentamos que o cada persoa descubra de xeito directo as riquezas do noso mar, participando directamente nos quefaceres cotiás da vida mariñeira. Así, cada saída ao mar convertese nunha experiencia completa na que, a parte de poder gozar do contacto co mar cada participante pode descubrir un novo mundo que as veces non comprendemos como próximo, a pesares da súa cercanía xeográfica. A posibilidade de izar as velas, soltar o áncora, compartir o tempo co patrón na ponte ou mesmo a posibilidade de poder percibir as sensacións da navegación clásica sen outro motor que o propio vento, son só algunhas das experiencias que brinda unha embarcación destas características.

Como punto de relevancia dentro dos contidos habituais, atopamos as Illas do Parque Nacional (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada), as cales teñen un importante papel como protagonistas principais da conservación medioambiental do noso pais. Cun programa de visitas levado a cabo por un equipo profesional de educadores e guías ambientais, tentamos darlle ao turista habitual das illas novas posibilidades para o seu lecer, ampliando así a capacidade do propio Parque para expandir unha idea de respecto pola natureza e conservación do medio que nos rodea.

O futuro inmediato
Dende que é xestionado por Acquavision Galicia, coa colaboración da CEMMA, o Nauja deixou de ser só unha plataforma comercial para adoptar uns novos obxectivos base no seu caderno de bitácora. A simbiose de educación ambiental e de investigación científica cobraron especial relevancia. Así durante este ano, de maio a outubro desenvolveu o seu labor na Ría de Vigo con porto base de Baiona, onde levou a cabo un importante labor científico e de divulgación ambiental e cultural, que sentou as bases para un traballo máis intenso no futuro.

Pretendemos ligar o futuro do Nauja as Rías de Vigo e Pontevedra colaborando coa CEMMA. Aínda que os custes para manter a embarcación son moi elevados, o camiño iniciado, permítenos ser optimistas. Agardamos que co apoio de investigadores, docentes, escolares, visitantes, os propios portos e as Administracións, sobor de todo, o noso propio esforzo, consigamos manter esta espléndida realidade que é un barco clásico adicado enteiramente a actividades de divulgación do mundo mariño e de educación ambiental e conservación: o Nauja.

Para conseguir ese obxectivo, o equipo de profesionais que traballa para que o Nauja siga sucando as augas das Rías, seguirá poñendo todo o seu empeño para poder levar alí onde sexa preciso un espírito de respecto e admiración pola natureza e polo mar.

Ese é o espírito que todos levan no seu interior...

Ese é o verdadeiro espírito NAUJA.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: