Teñen que se esforzar os gabinetes de Feijoo en demostrar que cousas como as que están a pasar nos procesos de selección dos empregados públicos da Xunta de Galicia son meras coincidencias. Nunha convocatoria xa feita e coa matrícula pechada decídese reabrir a admisión de opositores, pois, como cambiara a normativa, relaxando a esixencia no referente ao dominio do galego, podería haber alguén “interesado”.
E abofé que o houbo. Tres destes repescados, unha vez concluído e avaliado o primeiro exame, están entre os cinco mellores cualificados. O feito de que sexan irmáns e que fracasaran previamente en anteriores intentos, dá, cando menos, que pensar e que investigar sobre posibles filtracións.
Á par dese tipo de feitos estase producir un enorme malestar entre os opositores que optan por facer os exames en galego. O PP ganou as elección montado no discurso da imposición do galego e a realidade unha vez máis desincha ese discurso mentireiro. Aqueles que escollen a versión galega teñen que reinterpretar as preguntas, do mal traducidas que están. E se están traducidas, ese será o problema, indicativo, ademais, de que os tribunais son incapaces de desenvolverse e formular orixinalmente en galego os exercicios. Pero, ademais, indica unha desidia inxustificable que nas preguntas da versión galega se escapen expresións como “neglixencia grave declarada en sentenza xudicial asine”, no canto de “sentenza xudicial firme”; “adscrito á ría”, en vez de “adscrito á consellería”; por non falarmos de fallos de sintaxe ou concordancia que molestan –e distraen a atención- só con lelos, tales como “cando unha sentenza así impóñao” ou “Cal das seguintes procedementos”.
Don Alberto, que é funcionario por oposición e por méritos propios, non debería quedar mudo diante deses pequenos escándalos que, por moito que sexan silenciados pola prensa amiga, son os que minan o crédito da administración pública e nos mergullan a todos, un pouco máis, no bananerismo máis reseso.