Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Rifa parlamentaria

"O ben supremo de Galiza" non impide que as caixas vaian a bandullo foráneo

A conselleira de Facenda chama a Caixa Galicia e Caixanova a evitar "localismos e personalismos". A oposición láiase de que a Xunta eluda rexeitar unha fusión "interrexional".

Redacción - 18:30 28/10/2009

En comparecencia parlamentaria, a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, instou este mércores os responsábeis de Caixa Galicia e Caixanova a buscaren "o ben supremo de Galiza esquecendo localismos e personalismos". Dixo de paso a conselleira que a Xunta non importará "o modelo de Caja Madrid nin o de Montoro" e cualificou como prioridades para as entidades a súa "solvencia e galeguidade". Con todo, a reflexión de Fernández Currás evitou explicitamente aclarar se o Goberno se opón ou non á fusión das entidades galegas con caixas de aforro de fóra do país.

Currás comprometeuse a "informar puntualmente" no Parlamento das decisións de transcendencia que a Xunta adopte sobre as caixas. "Declaramos que queremos unha ou dúas caixas galegas", sentenciou, insistindo en que o Goberno non permanece indiferente ao asunto. Así, e ao respecto do actual escenario de fusións a nivel estatal, advertiu de que "é necesario analizar se nesta situación Galiza pode permanecer allea aos cambios" ou debe actuar "cunha visión estratéxica" e "adiantar escenarios futuros".

A oposición insistirá no debate parlamentario sobre as caixas
Desde os asentos da oposición, Fernando Blanco, portavoz de Facenda do grupo parlamentario do BNG que este mércores levaba á Cámara a interpelación á Xunta sobre este tema, reprochoulle á conselleira a "indefinición" do Goberno. Avisou o ex conselleiro de Industria do "escenario actual de fusións" no que as caixas galegas "corren o risco de seren absorbidas por entidades foráneas" e cualificou de "decepcionante" a resposta de Fernández Currás.

"As caixas de aforros galegas recollen máis do 50% dos aforros dos galegos e galegas e conceden máis do 50% do crédito", subliñou Fernando Blanco, indicando que o Goberno "non pode ser un mero espectador ante o escenario actual de fusións e absorcións de caixas de aforros, porque nos estamos xogando nada máis e nada menos que a autonomía financeira de Galiza". Os nacionalistas levarán ao próximo pleno parlamentario unha moción na que demandan que "en ningún caso os centros de decisión das caixas de aforros galegas saian fora de Galiza".

Na mesma liña, o voceiro do grupo parlamentario socialista, Xaquín Fernández Leiceaga, censurou que a Xunta eluda rexeitar unha posíbel fusión interrexional que afaste de Galiza os centros de decisión das entidades. "Provocaría unha perda irreparábel de capital social e unha perda de densidade económica notábel e irreversíbel", agoirou. Para Leiceaga, no actual contexto "no sistema financeiro español que resulte da crise actual" o "novo" sistema de caixas de Galiza "ten que xogar un papel destacado sen trasladar ao exterior os centros de decisión". "A decisión debe tomarse cos pés na terra, cunha perspectiva desde Galiza e coa cabeza fría", apuntou.


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: