Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
35ª MOVILIZACIÓN EN DOUS ANOS

'Salva o Tren' escenifica a morte do servizo de proximidade

Presentan no xulgado o terceiro contencioso para recorrer as multas a participantes en manifestacións.

Redacción - 18:56 30/10/2009
A Plataforma "Salva o Tren" defenden un servizo de proximidade

A Plataforma "Salva o Tren" defenden un servizo de proximidade

A plataforma "Salva o Tren" convocou para este sábado unha manifestación perante o Parlamento para escenificar a morte deste servizo de proximidade. O colectivo, que tomou esta decisión despois dunha entrevista que mantivo co Ministerio de Fomento, considera urxente esta mobilización, coa que novamente denuncian a desaparición das estacións intermedias ao tempo que se poñen en marcha novos tramos do AVE.

Exixen que non se estreite o Eixe Atlántico de Alta Velocidade até que Fomento acceda a poñer en funcionamento a infraestrutura do tren de proximidade dun xeito independente, así como a creación dun ente ferroviario propio. Ademais, piden á Xunta que nomee un equipo de expertos que realice un estudo de mobilidade interna en Galiza, no que se integre o tren de proximidade, o autobús, o transporte de ría ou o metro lixeiro.

A concentración constará de dúas partes: na primeira escenificarase a morte do tren, representando como os políticos utilizan o verdugo do AVE para executar a sentencia de Fomento e matar o tren de proximidade. A continuación, recolleranse donativos na rúa para sufragar o custe dos avogados e demais gastos do colectivo.

Terceiro contencioso
Precisamente, a plataforma acaba de presentar nos xulgados da Parda (Pontevedra) un novo contencioso, e xa van tres, para recorrer as multas impostas pola Subdelegación do goberno español contra integrantes deste colectivo que participaron en anteriores mobilizacións. A portavoz, Lucía Latorre, asegurou que "son sancións inxustas" e asegurou que volven recorrer "para facer valer a democracia", se ben asegurou que "é máis custoso manter este contencioso que pagar as multas".

As sancións impostas até hoxe a integrantes desta plataforma xa chegaron a sumar os tres mil euros. Con todo, unha das multas, de 500 euros, imposta á propia Lucia Latorre por participar nunha mobilización en Portas pagouse con máis de dez quilos de moedas que se recolleron tamén entre a cidadanía. "Volveremos pedir esmola", dixo Latorre, "para recadar máis cartos, que nos permitan afrontar gastos, porque a plataforma non dispón de medios".


5/5 (7 votos)

Comentarios (6)

MCXOSE #1 31/Outubro/2009 MCXOSE
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Eu quero o tren de proximidades!. Despois falan de que hai que loitar contra a mudanza climática; de que hai xente incomunicada, aillada... Cinismo, hipocresía e sinverjuensas!

folgaxeral #2 31/Outubro/2009 folgaxeral
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

unha cousa non contradi a outra! unha vergoña a actitude da suposta esqerda de galiza

pani #3 1/Novembro/2009 pani
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Unha vergoña, a inexistencia/supresión do tren de proximidade.

lura #4 1/Novembro/2009 lura
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Pretenden meter o AVE con calzador, arrasando coas vias actuais e aínda temos que escoitar o repenique reiterado dos medios e os lacaios do capital sobre a tardanza nos seus prazos....

Tarelo #5 1/Novembro/2009 Tarelo
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Ao principio deste artigo dise que: #A plataforma Salva o Tren convocou para este sábado unha "manifestación" perante o Parlamento.# A realidade foi que o que se convocou unha "concentración", na que se pediu expresamente que foran máis de 15 e menos de 20, por temor desta Plataforma a recibir, multas, ao ser máis de 20 e non ter solicitado permiso a Subdelegación da Coruña, pois pretendíase que fora un acto sorpresa para as autoridades (non así para a prensa).

Eu creo que a Plataforma Salva o Tren quen que buscar máis apoios e brirse a outros colectivos e demandar a súa colaboración. Creo tamén que algún colectivo galego, que non sexa organización política, debera promover xa unha manifestación polo tren Galego de Cercanías. Galiza non pode permitirse o luxo de que as pequenas vilas, pobos, queden incomunicadas., non podemos permitir a desaparición deste servizo, que se fagan horarios de servizo acorde ca entrada e saida no traballo, para ir a praia, para ir mercar, para ir ao hospital, temos demáis o deber de utilizalo e deixar o coche só para cando non exista alternativa no transporte colectivo, etc. temos que pedir que o tren se electrifique que deixe de usar gasoil.

O plan E, podería adicarse ecxclusivamente a o tren de Cercanías, en vez de sustituir beirarúas nos cascos urbáns, podería adicarse a crear servizos MUNICIPAIS de transporte colectivo, que unira as aldeas, cos núcleos (médico, mercado, institucións, etc) hai moitas persoas que non conducen, que non teñen coche, ou que nin poden conducir nin ter coche, e precisan un servizo de transporte colectivo e público. Sexa polo cambio clímático, sexa pola exacseza de recursos, sexa pola crise, sexa polas pensións baixas, sex apolo paro, . . Galiza non pode permitirse, un coche por persoa. temos que abandoar o transporte individual, na mediada que poidamos, por solidaridade, por economía, por menor contaminación, polo esgotamento dos recursos, pola destrucción de recursos, paisaxe, et. que supoñen as grandes infaestructuras,

O tren é o futuro!

Barcelos #6 3/Novembro/2009 Barcelos
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

En Holanda hai un servizo ferroviario que xa nos gustaría ter aquí en Galiza. Os trens funcionan as 24 horas do día e pódesche desprazar practicamente a calquera parte do país cada 15 ou 30 minutos, incluídos o aeroporto de Schiphol. E non teñen unha orografía fácil, xa que aínda que non hai montañas teñen canles que cruzar en calquera sitio do país, polo que tiveron que construír infinidade de pontes.

Vede páxina de trens holandeses

http://www.ns.nl/cs/Satellite/...

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: