Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OPEN VIEIROS

“Carta aberta a Beatriz Mato, conselleira de Traballo e Benestar”

Ofrecémoslle un artigo que nos fai chegar unha traballadora das oficinas I+B no que fala das polémicas declaracións de López Abella e do tratamento informativo da noticia.

Redacción - 18:50 31/10/2009

“Carta aberta a Beatriz Mato, conselleira de Traballo e Benestar”

Como traballadora do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar (Oficinas I+B) quero denunciar o tratamento informativo que se lle está dando á noticia sobre as declaracións realizadas pola Secretaria Xeral de Benestar, Susana López Abella, nas que puxo en dúbida a profesionalidade e dignidade das/os traballadoras/es desta entidade ao cuestionar o seu acceso ao posto de traballo que foi a través de superar os procesos selectivos recollidos nas distintas convocatorias publicadas no D.O.G (nº 43 , 77 e 206).

Tras revisar a prensa, ante a polémica xurdida, sorprenderon especialmente as publicacións feitas polo xornal “La Voz de Galicia”, e pensamos que como traballadoras estamos sendo utilizadas como “chivos expiatorios” nas guerras políticas existentes entre partidos, onde, ao querer “demantelar” as accións desenvolvidas polo anterior goberno e querendo xustificar posibles despidos, atentan contra a dignidade dos e das traballadoras de este organismo facéndose eco exclusivamente daquelas declaracións políticas do partido no PODER sen contrastar a noticia comprobando a veracidade das declaracións feitas pola Secretaría Xeral e sen darlle a palabra ás/aos traballadoras/es.

Consideramos que “La Voz de Galicia” dende a creación do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, iniciativa do BNG, sempre se fixo eco do cuestionamento desta entidade por parte do partido na oposición (o PP, actualmente no Goberno) e que, xa sexa por intereses económicos, políticos ou simplemente pola pouca profesionalidade dos seus redactores/as nunca fixo unha análise rigorosa desta entidade. Incorre así nunha posible manipulación da información ao non aclarar aspectos como que as “Irregularidades nas contratacións do persoal do Consorcio”, baséanse precisamente na precariedade laboral do seu persoal, que tras superar procesos selectivos de longos meses atopáronse con contratos “por obra ou servizo” “salarios mínimos” (entre 800 e 1.000 euros) e cun “horario superior” ao resto de administracións financiadas con fondos públicos, chegando tamén a cubrir unha media de 600 quilómetros co seu “coche propio”... motivos, todos eles que denunciaron tanto a Inspección de Traballo como os sindicatos que nos representan (CIG, UXT e CCOO).

Cando “La Voz de Galicia” se fai eco de declaracións políticas como “postos elixidos a dedo” “chiringuito do BNG”... esquécense de dicir que nas entidades xestionadas con fondos públicos existen “postos de libre designación”, procedemento utilizado por tódolos partidos políticos que estiveron gobernando e que tiveron autoridade e lexitimidade para facelo; e que continúa e continuará facéndose porque a lei así o permite.

Como traballadoras estamos indignadas porque as nosas denuncias sobre a “precariedade laboral” ofertada polo anterior goberno, foron utilizadas polas/os representantes políticas/os e polos medios de comunicación afíns e agora poden traer consigo o “despido” de centos de traballadoras e traballadores ás/aos que ninguén apoiará porque a opinión pública pensa que son “años do BNG” “postos a dedo” e “enchufados”.

Como cidadanía, ante unha situación de crise económica e aumento do paro é realmente lamentable e decepcionante que a clase política que representa a todos e todas as persoas dun país e que ten que velar polos seus intereses, priorice o “poder” e como a propia conduta indica, trepe os dereitos dos/as contribuintes; as e os traballadoras/es.

Ainda máis lamentable é vergoñento parécenos a actitude dalgún medio de comunicación que esquece a súa función nesta sociedade de ofrecer información veraz e contrastada á cidadanía e que por intereses empresariais manchan a profesionalidade de tan nobre oficio.

 Guadalupe del Pino Villamarín Taboada. (Santiago de Compostela).


4.86/5 (28 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: