Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PRIMEIRO DISCO DO CUARTETO CARAMUXO

Ventos elegantes da música popular

Logo de máis de vinte anos xuntos publican “Tiruriru”, un disco no que visten a música de raíz con jazz, swing e clásica.

Moisés Álvarez - 17:20 02/11/2009

O Cuarteto Caramuxo é un grupo singular no panorama musical galego. Primeiro, porque é probabelmente o único cuarteto do mundo con seis compoñentes: catro clarinetes, acordeón e percusión. Segundo, porque desde a formación clásica apostan por unha maneira elegante á vez que divertida de achegarse á música popular. E terceiro, porque despois de dúas décadas de existencia, veñen de publicar agora o seu primeiro álbum, Tiruriru.

Forman Caramuxo Alonso Caxade no acordeón, Patricia Cela na percusión e Felipe Agell, Xoán Carlos Vázquez, Óscar Prieto e Fernando Abreu nos clarinetes. A orixe do cuarteto está nun grupo de compañeiros de conservatorio que tocaban xuntos arranxos para clarinete de pezas clásicas, do que pasaron ao swing e logo á música popular galega. “Chegamos a ela polo compromiso dos membros do grupo: todos queriamos traballar sobre melodías de música galega, e niso se centra o noso traballo dos últimos dez anos”, explica Fernando Abreu.



En Tiruriru, editado por Falcatruada, presentan o repertorio dos últimos anos do grupo. Gravouse en directo entre xullo e agosto, logo de gañar o Festival Folk Cancioneiros, organizado no ano 2008 pola Fundación Pedro Barrié de la Maza. Nos trece temas do disco aparecen muiñeiras, valses, pasodobles e outros ritmos populares, xunto a melodías chegadas doutras terras, como a balcánica “Xotis romanés”. Tamén aparecen temas que xa estaban presentes no espectáculo Vento mareiro, no que o cuarteto acompañou a Avelino González polos teatros de Galiza e que lles valeu o premio María Casares 2007 á mellor música orixinal.

Elegancia e frescura
O disco está bañado polo sinal de identidade do Cuarteto Caramuxo: a elegancia. “Pola nosa formación clásica achegámonos á música popular a través de arranxos moi coidados”, sinala Abreu, que destaca que tratan de facer “música elegante sen perder gracia e frescura”. A de Caramuxo é “música para escoitar atentamente, que non seriamente”, na que se mesturan as influencias dos distintos compoñentes do cuarteto: música contemporánea, jazz, música tradicional, etc.



Polo tipo de música que fan e pola súa posta en escena, é nos teatros onde se senten máis cómodos, “espazos pechados nos que poder tocar sen equipo de son”, comenta Abreu. No do Centro Cultural Caixanova de Vigo presentarán o disco ao vivo o vindeiro 28 de novembro. O directo é un dos puntos fortes do grupo, cunha aposta por “música divertida de escoitar e de ver”.

Os seus directos están influenciados en boa medida polo seu traballo para teatro, que cobrou unha gran importancia a partir da súa colaboración con Avelino González no 2006. Desde entón participaron no programa “Concertos para escolares” e “Concertos para a familia” da Orquestra Sinfónica de Galicia co espectáculo didáctico infantil O calcetín amarelo, xunto á compañía Cachirulo e Mónica de Nut. Na actualidade preparan A ratiña laranxa, un novo espectáculo no que de novo queren achegar aa súa música aos oídos máis inquietos: nenos e nenas de 3 a 6 anos.


4.38/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: