ostresdoeixo

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Saudiña

A ESCOITA ACTIVA

Saber escoitar é certamente unha das formas máis eficaces de respecto. A súa importancia é salientada por calquera escola psicolóxica e tamén pola reacción do común das persoas. É a pedra angular na que asentan todas as respostas xeradoras de axuda.

Xaquín Campo Freire - 18:30 08/11/2009

-- Por que non falas con alguén deste problema? Tal vez che dean unha orientación, unha axuda, un consello ou unha pista para unha solución; aínda que só sexa parcial. Algo é algo. Véxote moi triste,  como moi soa. Ten que haber unha saída, ten que ...

-- Non me fagas rir, amiga. Vivimos nun mundo absolutamente fechado en si mesmo. Cadaquén vai ao seu. Cos auriculares conectados en todo momento, ninguén escoita a ninguén. Vivimos fuxindo de todo e todos. Fuximos de nós mesmos. Témonos medo uns aos outros. E mesmo a nós. E cando te acercas a alguén, falamos, falamos e falamos. Pero non nos escoitamos. Eu tamén fago o mesmo. Por iso non culpo a ninguén. Pero non deixa de ser unha verdadeira mágoa.

-- Certamente esa é a túa experiencia e estás nun momento de gran tristura que che impide ver outra realidade. Pero tamén é verdade que hai persoas pacíficas e pacificadoras, que te miran de fronte, con ollos limpos e suaves. Sen medo e sen escapar de ti. Que te escoitan sen xulgarte. Quizais  non teñen ningunha solución nin saben nada do asunto que lles estás a falar. Pero aténdente, escóitante con atención. Con paciencia. Velos  persoalmente centrados en ti. Notas que poñen interese en ti e  no que lles estás a dicir. Intentan comprenderte. Observan con corazón todo o teu ser. Sentes que te acollen totalmente. E aínda que non che poidan dicir moito, saes dese encontro, por veces ben casual, como renovada por dentro. Eu teño a sorte de ter topado con alguén así. E sobre todo que sabes que podes volver. Alí os encontrarás sempre con esa aceptación incondicional. Non é que che dan todo por ben feito. Pero no que che están a dicir sénteste amada, querida, respectada. Colles alento.

    A conversa foi moito máis longa  e foi o comezo dun camiño que paseniñamente foi dando lugar a un novo alborexar. Fíxose luz nesa vida. E saíu, con axuda, pero por ela mesma daquel pozo que era coma un abismo e que parecía sen fondo.

    “Saber escoitar é certamente unha das formas máis eficaces de respecto. A súa importancia é salientada por calquera escola psicolóxica e tamén pola reacción do común das persoas. É a pedra angular na que asentan todas as respostas xeradoras de axuda. E cando un se sente escoitado, ten a cálida percepción de ter valor aos ollos do interlocutor. A escoita é unha das “caricias positivas” máis valiosas  e apreciadas pola xente. Recoñécense así os aspectos valiosos da outra persoa e aumentan a autoestima.” Canto nos insistía nesa escoita activa Angelo Brusco, ese excelente profesor e psicólogo especialista en Relación de Axuda, nas súas clases en Roma. Del é a cita anterior.

   Quen sabe escoitar con corazón, convértese en instrumento de curación, porque dá espazo aos outros para abrírense con confianza e liberdade e así séntense comprendidos e afirmados. A palabra dun amigo que escoita vólvese verdadeira medicina.

   É esta unha das habilidades que estamos a traballar detidamente na Escola de Saúde “Mons. Araúxo”.

   “A natureza dotounos de dúas orellas, dous ollos e unha soa boca, para que poidamos oír máis e falar menos”, dixo Zenón de Elea. Seguiremos nesta teima.


5/5 (2 votos)


Comentarios (1)

Cuevillas #1 12/Decembro/2009 Cuevillas
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Eu penso que o termo "escoita activa" soa moi económico, sacado do marketing. Sería como semellar que interesa o que fala alguén sen interesarlle ao que escoita realmente.
Eu penso que detrás da "escoita" ten que existir unha conexión entre as dúas persoas ademáis dun comportamento afastado do comenciamento propio, e ten que haber unha capacidade de querer aos demáis e de sermos máis afeitos a vivirmos non só pra nós e o noso embigo.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: