ostresdoeixo

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
O peto

Regresións

Contoume Mero que o outro día nun concerto na praza da Leña da Coruña, uns mozos berraban cousas españolistas. O Mero, que ten escola, díxolles que había bastantes pedras pola zona da Torre onde romper a cabeza sen necesidade de amolar a ninguén.

Rubén Aramburu - 18:41 08/11/2009

 
É curioso isto dos ultras que aparecen coma os cogomelos, en tempos de crise. Tamén pasa entre nós, que anda a xente a rebuscar nos armarios das sancristías rescatando trapos vellos que xa ninguén acordaba. Os psicólogos chámanlle regresións. Pero, pódese regresar ao que xa non existe? Para min que todo é cousa do medo; hai moito medo a perder privilexios, a deixar de mandar, a ser alguén…éche como o Moncho, un can que teño na casa, que é mansiño e mexeriqueiro, mais cando colle medo ladra coma un tolo e amosa os dentes. Polo demais non fai mal ningún a non ser o outro día, que  roubou unha folla de bacallau a un veciño e pasou a tarde bebendo auga.

Leo un libriño sobre a intolerancia relixiosa de Martínez Lozano: La Botella en el océano. Di que as crenzas separan e a experiencia une. Tenche moita razón. E hai experiencias como a dor, a enfermidade, a represión, a fame… que fan irmáns. O caso é que sempre aparecen redentores cando menos falta fan, porque veñen a enfrontar e a dividir e non a axuntar. Ademais, son perigosos, pois, ao contrario do Moncho, non lles vale con ladrar, traban. Polo demais, estas restauracións, estes volver atrás, son o síntoma máis claro de que as súas montaxes esmorecen.

Nos tempos de mudanza sempre apareceron persoas que abriron camiños, mira senón os santos: o noso Francisco, o San Ignacio, Tareixa a de Xesús, o Vicenzo de Paúl…e foron revolucionarios e mesmo levaron malleiras como San Xoán de la Cruz. Pois oxalá saibamos abrir camiños en vez de voltar ao Exipto explotador como di unha canción que oín na misa. O Templo xa non vale, dixo Xesús, pois non fagamos outro que bastante Templo temos nas mulleres e homes da nosa terra.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: