Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Nova voz poética

Ramón Nieto gaña o Pérez Parallé cun achegamento á espiritualidade asiática

“Moitas veces escribo pensando en termos musicais”, afirma o autor premiado polo libro 'A estación única dunha illa'.

Redacción - 19:00 09/11/2009

O Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé leva 22 anos dando a coñecer novas voces poéticas galegas. O xurado do certame convocado en Fene deu a coñecer o gañador da súa última edición: Ramón Nieto Otero, polo libro A estación única dunha illa. Unha obra na que o autor combina poemas en verso e en prosa para tratar de atopar unha vía intermedia entre a espiritualidade europea e a asiática.

Nacido na Illa de Arousa en 1975, Nieto Otero reside actualmente en Bruxelas, onde se dedica ao ensino da lingua inglesa. Os seus vínculos persoais fan que se sinta interesado pola cultura asiática, especialmente a xaponesa. “Con este libro tentei buscar unha vía intermedia entre a espiritualidade na cultura europea, que se vive como unha interiorización, e na asiática, onde se trata máis de desfacer o ego no fluxo do tempo. Eu tentei situarme no medio para buscar a miña conxunción destas dúas visións”.

Este será o primeiro libro que publique o autor, e amósase especialmente satisfeito de poder facelo en Espiral Maior. É o resultado dun traballo de anos: “o premio é importante porque un leva tempo escribindo sen saber se vai polo bo ou polo mal camiño”. No libro combínanse poemas moi reelaborados ao longo dos anos con outros máis recentes. Formalmente, a poesía de Ramón Nieto movese entre a busca da musicalidade ou “a total liberdade da poesía en prosa”. O escritor apunta que “moitas veces escribo pensando en termos musicais, aínda que non sei se o lector o percibe”.

Literatura en plena efervescencia
A incorporación deste autor ao panorama poético galego prodúcese nun momento que el entende moi activo e interesante. “O que máis me motivou a participar neste certame foi que quería ser unha areíña no medio desa efervescencia que vexo na literatura galega”. Entre as súas referencias poéticas cita a lírica medieval e os escritores do Rexurdimento “cos que me dei conta da beleza da literatura galega”. Tamén Manuel Antonio, Ramón Cabanillas, Bernardino Graña, Ferrín e Álvarez Torneiro figuran entre as súas influencias, xunto con contemporáneos seus como Carlos Solla e Eugenio Outeiro.

A estación única dunha illa será publicado na colección de poesía Espiral Maior, e recibirá unha peza cerámica do artista Francisco Pérez Porto, fillo de Xosemaría Pérez Parallé. O xurado estivo integrado polo poeta e artista plástico Baldo Ramos, a ex-directora da biblioteca de Narón, Carmen Bar, e a gañadora da edición anterior, Susana Sánchez Aríns. A entrega do premio terá lugar o sábado 21 de novembro na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, entidade que convoca o premio.


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: