Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Desde "o rigor e a racionalidade"

A Xunta marcaralle "posición" ás caixas, promete Feijoo

O presidente confía en que as entidades saiban "interpretar" a proposta do Goberno e convida a Caixa Galicia e Caixanova a presentaren unha iniciativa conxunta.

Redacción - 09:30 13/11/2009

"Partirá do rigor e da racionalidade e estou convencido de que os membros dos consellos das caixas comparten ambos principios", indicou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, en relación á proposta que, asegurou, o Goberno lle achegará a Caixa Galicia e Caixanova cara ao seu futuro.

Defendeu Feijoo que, con independencia do que afirmen desde os consellos de administración das entidades, o executivo, na medida en que ten a súa tutela financeira, "debe marcar posición". "Imos cumprir coas nosas competencias e marcaremos posición, e despois explicarémola", subliñou. Engadiu Núñez Feijoo que se tratará dunha proposta baseada nos criterios de "galeguidade" e de "solvencia" diante do "complexo" futuro, mais non revelou cando sairá á luz o documento, aínda que anteriormente xa avanzara que o fará antes de fin de ano. "Unha cousa é opinar e outra analizar os balances económicos, que ten algo máis de dificultade", xustificou, "non coñezo ninguén que analice os balances a curto, medio e longo prazo, pero o Goberno galego si o fai".

Por outro lado, Feijoo convidou as entidades galegas a elaboraren unha "proposta conxunta". Ao fío, recomendoulles "reflexionar" sobre os movementos recentes no escenario financeiro e non pensaren "nun futuro curtopracista". "Estou aberto a unha proposta conxunta das caixas, que aínda non recibimos e que non pasaría nada por tela", dixo. Doutra banda considerou positiva a relativa unanimidade parlamentaria ao respecto do futuro das caixas do país, mais non descartou que o futuro das dúas entidades vaia continuar "por separado".


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: